- Tematica
O Concello de Ames, a través da Concellería de Obras e Servizos Básicos, vén de facer balance dos investimentos en obras no rural realizados no primeiro semestre de 2025. Dende o departamento municipal calculáronse un total de 1.318.700 euros adxudicados en obras para o rural divididos en 9 contratos. Así mesmo tamén adiantaron obras con cargo aos plans provicincial próximas á súa liciatación.
Estas actuacións correspóndense con obras de mellora da seguridade viaria, pavimentación, sendas e abastecemento. A maior parte destas obras foron financiadas con cargo ao plan de obras da Deputación da Coruña, pero outras foron sufragadas a través de fondos propios.
O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, resaltou a importancia de investir no rural e na mellora dos seus núcleos e conexións: “Ames é un concello cun rural extenso e cunha gran dispersión de núcleos poboacionais, 120 máis concretamente. Dende o Concello de Ames estamos a facer un gran esforzo para manter un ritmo alto e constante de execución de obras para poder responder ás demandas da nosa veciñanza en canto a mellora das infraestruturas no rural”.
Os 1.318.700 euros están sendo adicados na súa maioría á pavimentación e a construción de sendas. Deste total un 67,72%, 893.054 euros, foron destidos á senda e pavimentación en Coira, á senda e pavimentación en Seares de Abaixo, á pavimentación do Castro de Orotoño, á pavimentación de Casanova e á pavimentación de Biduído de Arriba. Por outra banda un 24% dos fondos, 316.381 euros foron obxecto de investimento en seguridade viaria como na mellora do tramo do Mercuto a Vilar ou á actuación realizada na parroquia de Covas.
O investimento en abastecemento e saneamento na aldea de Loureiros que chegou á cifra de 109.265 euros. Esta última obra en saneamento e abastecemento responde a votade do goberno municipal de cubrir a medio prazo todo o conxunto do concello en canto á rede de abastecemento e saneamento se refire.
Augas de Ames
Augas de Ames, a EPEL creada polo concello fai pouco máis dun ano para a xestión do ciclo integral da auga, leva investido só no rural amesá en canalizacións arredor de 86.000 euros, o que demostra que os beneficios acadados pola empresa pública se están a reinvestir no concello.
Por outra banda, Augas de Ames está a realizar actuacións valoradas ata este momento en 30.000 euros para a mellora da rede de canalizacións de augas pluviais, fecais e de abastecemento ao longo da N-550, aproveitando as obras de humanización que se están a executar no maior núcleo amesán.
Próximas licitacións
Dende o departamento confirmáronse varias obras que se encontran na fase previa á licitación do plan de obras da Deputación da Coruña, POS25, como son a canalización de augas pluviais de Biduído de Abaixo (máis de 190.000 euros), a pavimentación de viarios en Barreiro (máis de 164.000 euros), pavimentación de viarios de Lapido (máis de 140.000 euros), pavimentación da estrada Capeáns-Pousada (máis de 94.000 euros). Por outra banda tamén se está traballando no plan provincial adicional, POS+ Adicional, no que serán incluídos os camiños interiores de Aldea Nova (máis de 183.000 euros), a pavimentación de Vilaverde (máis de 260.000 euros) ou a renovación da ponte de Piñeiro (60.000 euros).
Lista de actuacións realizadas polo Concello de Ames
Mellora da seguridade viaria do Mercuto a Vilar: 194.772€
Mellora seguridade viaria en Covas: 121.609€
Senda e pavimentación de Coira: 272.057€
Senda en Seares de Abaixo: 48.000€
Pavimentación Seares de Abaixo: 132.348€
Pavimentación O Castro de Ortoño: 142.083€
Pavimentación Casanova: 122.384€
Pavimentación Biduído de Arriba: 176.182€
Abastecemento e saneamento Loureiros: 109.265€
TOTAL: 1.318.700 EUROS.
Lista de actuacións realizadas por Augas de Ames
Canalización de pluviais en Agrón-Calo: 15.000€
Canalización de pluviais en Ventosa: 13.000€
Canalización de pluviais en rúa Fieira: 6.000€
Canalización de fecais Millalar- A Grela: 17.000€
Canalización de fecais e pluviais: 35.000€
TOTAL: 86.000€
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "El Concello de Ames destinó 1,3 millones a obras para el rural en el primer semestre"
El Correo Gallego: "Ames investiu no primeiro semestre 1.318.700 € en obras no medio rural"





