Pestanas principais

O Concello de Ames investirá 322.000 euros en catro proxectos do POS 2014 que se executarán no Milladoiro, Bertamiráns, Ortoño, Ameixenda e Biduído

Luns, 16 de xuño de 2014

[16-06-2014] O Concello de Ames aprobou en Xunta de Goberno Local o expediente de contratación de catro obras incluídas no Plan de Obras e Servizos de 2014. Estas actuacións inclúen catro proxectos que son a obra de asfaltado e acceso ao aparcamento do campo de fútbol do Milladoiro; a mellora da seguridade peonil e asfaltado no acceso ao Colexio Alca; a reparación de beirarrúas e a mellora do firme na calzada da rúa Xaquín Lorenzo; a intervención nas travesías do Pedregal e de Lodeiro; a pavimentación da rúa Foltandeiro-Cantalarrana; a reparación da estrada da Ameixenda; a reparación da senda peonil que vai dende Tras do río ata o CEIP Agro do Muíño; e a reparación da senda peonil que vai dende o lugar de Casanova ata Raíces. Nestes catro proxectos investiranse 322.096 euros.

O Concello de Ames está traballando para que se poidan adxudicar os proxecto incluídos no POS de 2014 o máis axiña posible co obxectivo de comezar a executar estas obras. Este ano o Concello de Ames dispón de 498.017 euros dentro do Plan de Obras e Servizos de 2014, que puxo en marcha a Deputación Provincial da Coruña. O goberno municipal destinará o 80% desta contía (un total de 398.414 euros) á realización de obras, coa inclusión de 10 proxectos. No POS complementario, inclúense outras tres obras.

Durante este mes de xuño o Concello de Ames aprobou en Xunta de Goberno Local o expediente de contratación de catro obras incluídas no Plan de Obras e Servizos de 2014. As obras que se inclúen nestes proxectos son o acondicionamento das beirarrúas e a mellora da calzada na rúa Xaquín Lorenzo do Milladoiro no que se investiran 39.731 euros. A través desta obra preténdese construír 115,30 metros cadrados de beirarrúa con bordo de formigón e baldosa de formigón vibrado. Previamente haberá que instalar as tuberías correspondentes para as canalizacións de saneamento, a recollida de augas, a canalización de auga potable, etc. Ademais, vaise mellorar a capa de rodaxe da calzada desta rúa en tres treitos diferentes.

Por outra banda, vanse investir 46.644 euros nun conxunto de actuacións que se acometerán na Travesía do Pedregal e na Travesía do Lodeiro. Neste caso preténdese executar a reposición de 262 metros cadrados de beirarrúa (150 metros cadrados na Travesía do Pedregal e 112 na Travesía de Lodeiro) e mellorar a capa de rodaxe de ambas as dúas rúas. Nos tramos que presenten un estado máis deficiente aplicarase cinco centímetros de aglomerado en quente. Finalmente, contémplase a colocación da sinalización horizontal correspondente e o pintando de liñas en bordes e das prazas de aparcamento na Travesía do Pedregal.

Aparcamento do campo de fútbol do Milladoiro
Outro dos proxectos recolle a obra de asfaltado e acceso ao aparcamento do campo de fútbol do Milladoiro e a mellora da seguridade peonil e asfaltado no acceso ao Colexio Alca. Para a obra de asfaltado e acceso ao aparcamento do campo de fútbol do Milladoiro Concello de Ames dispón de 40.696 euros. Neste caso realizarase unha actuación nunha superficie total de 2.170 metros cadrados, que está divida en sete treitos. Ademais, vaise asfaltar o camiño de acceso ao devandito aparcadoiro que ten unha lonxitude de 105 metros e 3,25 metros de ancho. Este proxecto tamén recolle os traballos de mellora da seguridade peonil e asfaltado do acceso ao Colexio de Alca. Esta actuación, que consiste na mellora da seguridade peonil en dous treitos e na mellora da capa de rodaxe do acceso ao devandito colexio, terá un custo de 35.000 euros.

No acondicionamento de senda peonil que vai dende Tras do Río ata o CEIP Agro do Muíño investiranse un total de 49.060 euros. A través destes traballos vaise construír unha senda peonil de 325 metros de lonxitude e 1,75 metros de ancho, mentres que na pavimentación dunha senda peonil na estrada que vai dende o lugar de Casanova ata Raíces vanse investir 32.606 euros.

Por último, investiranse 78.356 euros no proxecto que inclúe as obras de pavimentación da rúa Foltandeiro-Cantalarrana e os traballos de reparación na estrada da Ameixenda. A través das obras de acondicionamento da rúa de Fontaldeiro a Cantalarrana, nas que se investirán 35.553 euros, actuarase en tres treitos diferentes para mellorar a capa de rodaxe con cinco centímetros de aglomerado en quente, previa reparación das fochancas existentes. No caso da reparación da estrada da Ameixenda tamén se mellorará a capa de rodaxe coa aplicación de cinco centímetros de aglomerado en quente. Para esta obras disponse de 42.803 euros.