Pestanas principais

O Concello de Ames investirá 120.576 euros na mellora e acondicionamento da rede viaria municipal

Xoves, 10 de marzo de 2011

[10-03-2011] A Xunta de Goberno local vén de aprobar o inicio de expediente de contratación de dúas obras que están incluídas no Plan de obras e servizos complementario 2010. Trátase da pavimentación da estrada que vai dende o colexio de Ventín ata a estrada de Paramuíño (Biduído) e a pavimentación da estrada que vai de Casanova a Raíces e que limita co concello de Teo en Biduído. Nestes dous proxectos vanse investir un total de 120.576 euros. A través do POS 2010 executáronse tres proxectos máis para mellorar a pavimentación de diferentes estradas e camiños municipais, así como o proxecto de saneamento nos lugares de A Igrexa, Galiñeiro, Gasamáns e Novais, pertencentes á parroquia de Agrón. Nestes catro proxectos investíronse un total de 378.836 euros. Se engadimos as dúas obras recollidas no POS Complementario de 2010 o investimento ascende a 600.000 euros.

Durante o ano 2010 o goberno municipal optou por realizar un reparto de distintas actuacións en diferentes parroquias, incidindo especialmente no acondicionamento e pavimentación de camiños e estradas, tanto na rede sur coma na parte norte do concello. Así mesmo tamén se continuou estendendo a rede de saneamento en lugares da parroquia de Agrón o que dá continuidade a outras actuacións executadas noutros lugares desta parroquia.

Despois de que comezase a executarse as obras incluídas no POS 2010, agora a Xunta de Goberno local vén de aprobar o inicio de expediente de contratación de dúas obras que están incluídas no Plan de obras e servizos complementario 2010. Trátase da pavimentación da estrada que vai dende o colexio de Ventín ata a estrada de Paramuíño (Biduído) e a pavimentación da estrada que vai de Casanova a Raíces e que limita co concello de Teo en Biduído. Nestes dous proxectos vanse investir un total de 120.576 euros.

No primeiro proxecto, o que se refire á estrada que vai dende o colexio de Ventín ata a estrada de Paramuíño, contémplase a mellora da capa de rodaxe con seis centímetros de aglomerado en quente. Antes repararanse as fochancas e aplicarase unha capa de grava e un tratamento asfáltico semiprofundo. Esta obra realizarase en dous tramos diferentes (nun tramo de 200 metros de longo por 10 de ancho e un segundo que ten unha lonxitude de 350 metros por 6 de ancho).

O segundo proxecto, que se refire á estrada que vai de Casanova a Raíces e que limita co concello de Teo en Biduído, recolle a mellora do firme desta estrada nun tramo de 1.050 metros de longo e 5 metros de ancho. A través desta obra vaise mellorar a capa de rodaxe con seis centímetros de aglomerado en quente, previa reparación das fochancas e perfilado de mordentes con grava e tratamento asfáltico semiprofundo.

En ambas as dúas obras antes de rematar realizarase a apertura de gabias e a limpeza de salvagabias para o correcto drenaxe lonxitudinal e transversal, así como a sinalización horizontal con pintado de liñas e bordes e eixo, símbolos, pasos de cebra, isletas e colocación de sinais de Stop.

POS 2010

Dos catro proxectos incluídos no POS 2010, tres son de pavimentación e mellora da rede viaria municipal, e outro contempla diferentes traballos para instalar a rede de saneamento en varios lugares da parroquia de Agrón. Estes proxectos xa están executándose. Ademais, a obra de mellora da estrada que discorre por diante do colexio Agro do Miño e que conecta co lugar se Sisalde ata chegar ao límite do termo municipal, xa está rematada.

A obra de pavimentación no interior de Lapido adxudicouse á empresa Obras y Viales de Galicia SL. O importe de adxudicación da obra ascendeu á contía de 78.420 euros, IVE incluído. Este proxecto contempla a pavimentación dunha pista no interior do lugar de Lapido. Esta obra estase executando en catro treitos diferentes. Os traballos lévanse a cabo nun tramo de 225 metros. Primeiro houbo que retirar o pavimento existente para preparar a zona e asfaltar o devandito treito. Na fase de preparación aplicáronse dez centímetros de grava e dez de formigón. Neste proxecto tamén se recolle a construción de muros en formigón armado para a contención de terra e a colocación dunha malla de arame para a reposición de peches. Tamén se contempla a canalización de 225 metros de tubaria de PVC de 400 milímetros, a reconstrución dun lavadoiro e a adaptación dunha fonte deste lugar.

Outro dos proxectos que se adxudicaron foi a obra de pavimentación dun camiño do lugar de Sura, pertencente á parroquia de Ameixenda. Esta obra adxudicouse á empresa Construcciones Ponciano Nieto SL. O importe de adxudicación ascendeu a contía de 58.185,80 euros, IVE incluído. Neste proxecto recóllese a pavimentación dun camiño de 90 metros de lonxitude e de 5 metros de ancho. Neste caso tamén se contempla a construción de muros en formigón armado para a contención de terra e a colocación de malla de arame para a reposición de peches. Tamén se contempla a canalización de 90 metros de tubaria de PVC de 400 milímetros e a limpeza e encintado dun lavadoiro e dunha fonte deste lugar.

A terceira obra de pavimentación, que atinxe á estrada que discorre por diante do colexio Agro do Miño e que conecta co lugar se Sisalde ata chegar ao límite do termo municipal, xa está rematada. Esta obra adxudicouse á empresa Martínez Montes e Hijos SL. O importe de adxudicación da obra ascendeu a contía de 59.848 euros, IVE incluído. A execución deste proxecto realizouse en dúas partes. Na primeira realizouse a pavimentación dun tramo de 700 metros de lonxitude por 5 metros de ancho e na segunda executouse a pavimentación dun treito de 500 metros por 5 metros de ancho.

Proxectos de saneamento en Agrón

Por outra banda e continuando coa execución da rede de saneamento municipal, estase executando a obra de saneamento nos lugares de A Igrexa, Galiñeiro, Gasamáns e Novais, pertencentes á parroquia de Agrón. Este proxecto foi adxudicado á empresa Construcciones Vale SL. O importe de adxudicación da devandita obra ascende a contía de 182.383 euros, IVE incluído. O proxecto recolle a canalización de 1.580 metros de 250 milímetros e os restantes 264 metros de 160 milímetros de diámetro cos correspondentes pozos de rexistro na calzada.

A nova noutros medios dixitais:

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames contrata mejoras viarias por importe de 120.500 euros"
El Correo Gallego: "Ames invertirá 120.576 € en dos obras viarias"