Pestanas principais

O Concello de Ames introduce melloras nos reemisores dixitais de televisión que dan cobertura ás parroquias de Tapia e Agrón

Venres, 11 de xaneiro de 2013

[11-01-2013] O Concello de Ames levou a cabo unha mellora nos reemisores dixitais que prestan cobertura aos veciños e veciñas amienses para que teñan unha correcta recepción da televisión terrestre dixital (TDT). Deste xeito, instalouse un novo múltiplex, que conten catro canles (Marca TV, Nitro, Antena 3 HD e 13 TV), nos reemisores dixitais de Seares de Arriba e Agrón. Ademais destes dous reemisores dixitais, existen outros tres que se atopan en Leboráns, Eirapedriña e en Castiñeiro de Lobo. Grazas aos cinco reemisores dixitais o territorio municipal de Ames conta cunha cobertura da TDT do 100%.

No pasado mes de xaneiro de 2010 produciuse o chamado 'apagón analóxico', momento no que todas as canles de televisión analóxica deixaron de funcionar, existindo exclusivamente a televisión dixital. Antes desta data, o Concello de Ames estivo realizando os traballos necesarios para ter o 100% de cobertura dixital. Dende o goberno municipal séguese traballando para ofrecer un mellor servizo a todos veciños e veciñas de Ames. Ante a petición veciñal de incrementar a oferta de canles que se poden recibir, o Concello de Ames decidiu instalar un novo múltiplex que conten catro canles de TDT (Marca TV, Nitro, Antena 3 HD e 13 TV) nos reemisores dixitais que dan cobertura ás parroquias de Tapia e Agrón.

No termo municipal de Ames existen cinco reemisores dixitais: en Castiñeiro de Lobo, en Agrón, Eirapedriña, Seares de Arriba e Leboráns. O primeiro reemisor dixital ou gap-filler instalouse no centro de comunicacións do Concello de Ames situado no monte de Mar de Ovellas, en Castiñeiro de Lobo. Este dispositivo proporciona cobertura actualmente a unha parte de Bertamiráns e Tapia así como a preto do 99% dos lugares das parroquias de Covas e Ames.

Cabe salientar que o primeiro reemisor dixital que se instalou en España foi o de Mar de Ovellas. Este repetidor foi instalado no ano 2003 e permitiu realizar diversas probas para traballar na evolución da TDT. Este reemisor contou nos seus comezos con moi poucas canles, pero na actualidade hai instalado un definitivo que conta con 25 canles de televisión.

O territorio municipal de Ames posúe outro reemisor dixital colocado na torre de Seares de Arriba, que é coñecido como o reemisor de Tapia. Este dispositivo proporciona cobertura aos veciños e veciñas das parroquias de Tapia e Piñeiro. O terceiro reemisor está instalado na torre que hai en Agrón. Este dispositivo permite que os veciños e veciñas das parroquias de Agrón, Trasmonte e Lens teñan una perfecta cobertura da TDT.

O cuarto reemisor está en Leboráns. Este reemisor presta cobertura aos veciños de Leboráns, Portanxil, Carballo e Trasmonte. O quinto e último reemisor está en Eirapedriña e presta cobertura aos veciños deste lugar e á veciñanza de Framán. Grazas aos catro reemisores dixitais o territorio municipal de Ames conta cunha cobertura da TDT do 100%.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames introduce melloras nos reemisores dixitais de televisión"