Pestanas principais

O Concello de Ames introduce melloras no control sanitario das instalacións deportivas municipais

Martes, 19 de febreiro de 2013

[19-02-2013] O Concello de Ames, a través da concellaría de Medio Ambiente, procedeu á contratación do servizo hixiénico – sanitario para a prevención e control da lexionela nas instalacións deportivas de Bertamiráns e do Milladoiro. Deste xeito, introdúcense melloras no control sanitario das instalacións deportivas municipais. Concretamente, este servizo de mantemento para a prevención da lexionela realizarase nos campos de fútbol e nos pavillóns polideportivos de Bertamiráns e do Milladoiro. Estas actuacións son necesarias para dar cumprimento aos criterios hixiénico sanitarios establecidos no Real Decreto 865/2003 do 4 de xullo, para a prevención e control da legionelosis.

Esta actuación enmárcase dentro do control e prevención da lexionela nas instalacións municipais. Neste caso introdúcense melloras no control sanitario das instalacións deportivas de Bertamiráns e do Milladoiro. Deste xeito, complétase a realización deste servizo de prevención nas instalacións municipais. A empresa Sanal Control Medioambiental será a encargada de levar a cabo este servizo de control sanitario. A contratación deste servizo suporalle á Administración local un custe aproximado de 2.000 euros anuais.

Os traballos que realizará esta empresa comprenden a limpeza e desinfección anual dos depósitos de auga, redes de auga fría de consumo humano, redes de auga quente sanitaria e puntos terminais da rede das instalacións deportivas municipais dos campos de fútbol e pavillóns polideportivos de Bertamiráns e do Milladoiro. Ademais, faranse revisións mensuais destas instalacións segundo se establece no Real Decreto 865/03.

A compañía Sanal Control Medioambiental tamén se encargará de executar a fase de choque, realizar a toma de mostras e elaborar as correspondentes analíticas de presencia ou ausencia de lexionela. Estas analíticas serán elaboradas por un laboratorio homologado pola Xunta de Galicia. Outra das tarefas que levarán a cabo é a elaboración e mantemento do libro de rexistro e a expedición dos correspondentes certificados segundo se establece no anexo 2 do Real Decreto 865/2003 trala realización das limpezas.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames introduce melloras no control sanitario das instalacións deportivas municipais"