Pestanas principais

O Concello de Ames intercambia experiencias sobre a arte rupestre en Irlanda

Mércores, 20 de febreiro de 2019

[20-02-2019] O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, responsable municipal de Patrimonio Histórico e membro do Consello de Dirección do Parque Compostela Rupestre visitou esta semana a península de Dingle, no Condado de Kerry (Irlanda), para dar a coñecer os petróglifos de Ames e establecer vínculos de colaboración no estudo da arte rupestre entre ambas localidades. Santomil realizou un encontro institucional con membros da administración rexional do Udaras na Gaeltachta en Dingle, seguida da visita ao Museo e ás estacións arqueolóxicas máis importantes.


O Concello de Ames, integrado no Parque Arqueolóxico Compostela Rupestre, vén de realizar un irmandamento entre unha das principais zonas arqueolóxicas do Val da Maía, representadas a través dos petróglifos de Monte Castelo e Peneda Negra cos petróglifos de Milltown e Aghacaribble na península de Dingle en Irlanda.

Con este irmandamento preténdese iniciar a necesaria proxección internacional da arte rupestre na comarca de Santiago e intercambiar información sobre boas prácticas na xestión do patrimonio arqueolóxico a través dos petróglifos, como elementos milenarios dun pasado común na costa atlántica de Europa durante a Idade de Bronce.

Deste xeito, o concelleiro de Educación e Cultura e responsable municipal da área de Patrimonio Histórico, así como membro do Consello de Dirección do Parque Compostela Rupestre, David Santomil, visitou esta semana a península de Dingle, no Condado de Kerry (Irlanda), para dar a coñecer os petróglifos de Ames e establecer vínculos de colaboración no estudo da arte rupestre entre ambas localidades.

David Santomil realizou un encontro institucional con membros do Udaras na Gaeltachta en Dingle, seguida da visita ao Museo e ás estacións arqueolóxicas máis importantes da rexión. No mes de maio está previsto que membros do Museo Arqueolóxico de Dingle visiten Ames para coñecer de primeira man os petróglifos do Val da Maía.

Colaboración lingüística e Camiño de Santiago
Na visita institucional do concelleiro a Dingle tamén se realizaron diferentes propostas de colaboración no ámbito lingüístico e do Camiño de Santiago. Cómpre destacar que o porto de Dingle foi un dos principais puntos de saída de peregrinos irlandeses cara Santiago de Compostela.

O concello de Ames conta na actualidade con dous treitos do Camiño (Camiños de Fisterra-Muxía e Portugués) e traballa na incorporación do Camiño a Santiago da Ría de Muros-Noia, que á súa vez foi un dos portos máis importantes da Idade Media e punto de chegada de peregrinos cara Compostela a través da Maía.

No aspecto lingüístico púxose en valor a importancia nas relacións culturais na costa atlántica e na defensa do idioma galego e o gaélico respectivamente.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames y Dingle, en Irlanda, hermanan sus petroglifos"
Compostela 24 horas: "O concelleiro de Educación, David Santomil, visita irlanda para intercambiar experiencias sobre a arte rupestre"
El Correo Gallego: "Ames comparte mostras de cultura rupestre con Irlanda"