Ames celebra o Día do Libro, que se conmemora cada 23 de abril, cunha Semana do Libro cargada de actividades destinadas a levar a literatura a todos os recunchos do municipio amesá. Así, a Concellaría de Cultura organiza entre o 22 e o 27 de abril unha intensa programación composta por sesións de contacontos, obradoiros, representacións e presentacións de libros. O acto central das celebracións terá lugar o sábado 27, na praza do Concello de Bertamiráns, co desenvolvemento da iniciativa “Literatura na Praza”. A xornada, que dará inicio ás 17:00 horas, incluirá propostas para todas as idades. Haberá exposición, venda e presentación de libros, entre eles o do XIV Certame Literario Concello de Ames, unha mesa redonda e varios espectáculos musicais e poéticos.
O Concello de Ames prepárase para a celebración da Semana do Libro, que terá lugar entre o luns 22 e o sábado 27 de abril, cunha programación cargada de actividades. A primeira delas terá lugar o mesmo luns no local social de Augapesada onde, a partir das 18:00h, haberá unha sesión de contacontos centrada na obra Maruxa. Ese mesmo día, a partir das 17.30h, a biblioteca de Bertamiráns acollerá o contacontos O lobo con botas da asociación Biosbardos, mentres que na biblioteca do Milladoiro realizarase unha representación de A fada pirata de Carlos Labraña.
O martes estará marcado polo contacontos Maruxa, que chegará ao local social de Bugallido ás 18.00h, e o obradoiro creativo Minicontos: grandes historias en formato pequeno, que se desenvolverá na biblioteca do Milladoiro a partir das 17.00, para o que se require inscrición previa. A estas actividades seguiraas a sesión de contacontos nas bibliotecas 1, 2, 3... empeza o contiño xa, que se realizará en Bertamiráns o mércores 24 e no Milladoiro ao día seguinte. Ambas sesións darán comezo ás 17.30h. O venres, por outra banda, os cativos/as do Milladoiro e arredores poderán participar no obradoiro Minicontos: grandes historias en formato pequeno a partir das 17.00h.
Literatura na praza
O acto central da Semana do Libro de Ames celebrarase o sábado na praza do Concello de Bertamiráns, entre as 17.00h e as 20.30 horas. Ao longo da tarde, haberá exposición e venda de libros da man de Follas Novas e Brazolinda. Así mesmo, tamén haberá un Recuncho da lectura, onde se poderá ver unha mostra bibliográfica do día do libro e das letras; e un obradoiro de flores.
Ás 17.30 horas terá lugar no salón de plenos da Casa do Concello a presentación do libro antolóxico dos textos gañadores do XV Certame Literario Concello de Ames. A esa mesma hora, tamén se desenvolverá o contacontos teatralizado O cociñeiro Antón e a pasteleira Tomasa a cargo do Teatro Calavera.
De seguido, ás 18.00 horas, o salón de plenos acollerá unha mesa redonda sobre Literatura actual e autores locais, na que intervirán María López Sández, Victor Freixanes e Carlos Negro. Por último, ás 19.00 horas, esta edición de Literatura na praza rematará coa actuación de Paco Nogueiras Brinca Vai! De aquí a acolá.
Iniciativas que buscan achegar a literatura a todos e todas
Asemade, durante esta Semana do Librolevarase a cabo a tradicional solta de libros nas dependencias do concello, nas bibliotecas e nos centros de saúde. A través desta iniciativa, os e as amesás poderán encontrar libros en distintos emprazamentos, que lles axudarán a facer a espera máis entretida. As persoas que teñan a sorte de atoparse con algún destes exemplares poderán quedar con eles.
Ademais, tamén se desenvolverá a actividade Cita a Cegas, que consiste en achegarse a algunha das bibliotecas municipais e deixarse levar pola lectura que alí propoñan a cada un dos usuarios/as que dispoñan do carné da rede de bibliotecas e queira participar nesta actividade.





