[05-08-2014] Durante a época estival o Concello de Ames redobrou os traballos de limpeza, que está executando no termo municipal amiense, debido ás festas patronais que se celebran durante estes meses e ao incremento que experimenta a utilización de varias instalacións municipais como son os parques infantís. Deste xeito, estanse limpando tanto os campos das festas parroquiais e as beirarrúas da zona rural, coma os parques infantís co concello. Nestes intres, estanse executando traballos nos campos da festa de Piñeiro e de Barouta. Ademais, xa se limparon os parques infantís de Aldea Nova e da praza de Chavián.
O Concello de Ames, a través da concellaría de Obras e Parques, está desenvolvendo un plan de limpeza e mantemento dos parques infantís municipais, así como das beirarrúas da zona rural e dos campos da festa parroquiais. Durante a época estival o Concello de Ames está intensificando o traballo e redobrado esforzos para executar estas labores de limpeza e desbroce. Este plan de traballo afecta a un total de 18 parques infantís que están situados nas localidades de Bertamiráns e do Milladoiro, así como nas parroquias de Ortoño, Piñeiro, Ames, Trasmonte, Biduído, Bugallido e Covas.
Esta semana comezaron os traballos de limpeza do pavimento de area que hai nos parques infantís. Ata o de agora limpáronse os parques infantís da urbanización de Aldea Nova e da praza de Chavián, que está situada en Bertamiráns. Ao longo das vindeiras semanas acometeranse os traballos de limpeza nos parques da Condomiña, Lapido e Sisalde, en Ortoño; o parque da estación de bombeo do Milladoiro; os parques das Mimosas, Ventín e Biduído de Abaixo, situados na parroquia de Biduído; os parques de Augapesada, Castiñeiro de Lobo, Cruxeiras, Proupín e do CEIP de Barouta, en Ames; do parque de Trasmonte e de Guimaráns, en Bugallido; e dos parques de Piñeiro; e de Covas.
Ademais, da limpeza dos devanditos parques infantís, tamén executará a limpeza das beirarrúas municipais. Deste xeito, limparanse as beirarrúas en 27 lugares das parroquias de Biduído (Casanova e Ventín), Covas (Capeáns, Covas, O Lombao, Loureiros, Ventosa e Monte), Ortoño (O Santo, avenida de Juan Bueno Bueno e Ortoñiño), Ames (Quintáns, Augapesada, Castiñeiro de Lobo, Cruxeiras, Barouta e Pousada), Bugallido (Eirapedriña, Firmistáns, Guimaráns, O Outeiro e Tarrío), Agrón (Pontemaceira), Piñeiro (San Mamede), Ameixenda (Ameixenda e no Mercuto) e Tapia (A Mamoa).
Limpeza dos campos da festa
Por outra banda o Concello de Ames está realizando a limpeza dos campos da festa de varias parroquias. Esta semana comezaron a executarse estes traballos en Piñeiro e en Barouta. De seguido, comezaranse a realizar estes mesmo traballos no campo da festa da parroquia da Ameixenda. Ademais, estanse levando a cabo traballos de limpeza e desbroce de maleza na urbanización de Aldea Nova. Esta semana comezaron os traballos de desbroce ao redor do Centro multiusos de Aldea Nova, e posteriormente, acometeranse estes mesmos traballos ao redor da pista polideportiva desta urbanización.

Contido relacionado

La Voz de Galicia: "Ames refuerza la limpieza en los parques infantiles y zonas rurales"




