[06-04-2015] O Concello de Ames comezou esta mañá os labores de limpeza e desbroce nas beiras das pistas forestais e das estradas asfaltadas do municipio. O tractor municipal estivo traballando no lugar de Framán –parroquia de Bugallido– e mañá continuará coa limpeza de vieiros en Outeiro e Biduído. Nos próximos días acometeranse traballos de acondicionamento en Tapia, Piñeiro, na zona da Condomiña e en Sisalde –Ortoño–.
O obxectivo destas actuacións é evitar o risco de incendios durante a temporada estival. Dende o pasado mes de outubro o Concello dispón dun novo tractor de uso agrícola grazas á achega de 78.400 euros da Deputación da Coruña.
Por outro lado, ao longo de 2014 o Concello de Ames emitiu un total de 105 ordes de limpeza de fincas. En 77 casos as parcelas foron limpadas e os expedientes arquivados, mentres que o resto de ordes non puideron ser executadas por diversos motivos. Con estas actuacións, o consistorio amesán busca mellorar a conservación do medio ambiente, evitar as molestias que o abandono destas parcelas supoñen para os veciños e rebaixar nalgunhas zonas o risco de incendios.
As parroquias con maior número de ordes de limpeza de fincas foron Ortoño, con 39, e Biduído, con 25. Precisamente estas son as parroquias máis poboadas do concello xa que nelas están os núcleos urbanos de Bertamiráns e O Milladoiro. Tamén se notificaron ordes en parroquias como Bugallido (16), Ames (10), Covas (9), Piñeiro (3), Agrón (2) e Lens (1).
Unha vez emitidas e executadas estas ordes o Concello leva a cabo unha revisión das devanditas parcelas para comprobar que estean en perfectas condicións de seguridade e salubridade.