Pestanas principais

O Concello de Ames instala equipos térmicos de biomasa nos locais sociais de Cruxeiras e da Ameixenda

Venres, 17 de novembro de 2017

[17-11-2017] O Concello de Ames instalou varios equipamentos térmicos de biomasa, co obxectivo de mellorar a eficiencia enerxética, nos locais sociais de Cruxeiras e da Ameixenda. Esta actuación tivo un custo de 7.370,11 euros. Para desenvolver esta actuación o Concello de Ames acudiu á liña de subvencións convocadas polo Instituto Enerxético de Galicia (Inega), que resolveu a concesión de axudas, para proxectos de equipamentos térmicos de biomasa para o ano 2017. A axuda concedida de 3.875,87 euros está cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020.


Actuacións feitas en 2016
Asemade, no ano 2016 instaláronse equipos térmicos de biomasa nos locais sociais de Biduído, Piñeiro, Augapesada e na escola unitaria da Tarroeira. Deste xeito, instalouse unha hidroestufa con radiadores no local social de Biduído, unha estufa de aire no local social de Augapesada, outra estufa de aire no local social de Piñeiro e unha caldeira con alimentación automática, mediante tornillo sinfín ou sistema pneumático desde un sistema de almacenamento exterior á caldeira de capacidade superior ou igual a 250 litros e inferior a 1000 litros, na escola unitaria da Tarroeira, xa que neste lugar xa existía unha estufa.

Coa instalación destes novos equipamento substituíuse o gasoil polos pellets na escola unitaria da Tarroeira e a electricidade pola biomasa nos locais sociais de Biduído, Augapesada e Piñeiros. Ademais, evitouse a emisión de 296 kg/ano de CO2 na escola da Tarroeira; 327 kg/ano de CO2 no local de Biduído, e 101 kg/ano de CO2 tanto no local social de Augapesada como no de Piñeiro. A actuación realizada durante o ano pasado tivo un custo de 10.825,81 euros.

Nos dous últimos anos o Concello de Ames investiu 18.195,92 euros na instalación de equipamentos térmicos de biomasa. Para desenvolver esta actuación o Concello de Ames participou na liña de subvencións ditadas polo Instituto Enerxético de Galicia (Inega), que ditou unha resolución de concesión de axudas, para proxectos de equipamentos térmicos de biomasa, para os anos 2016 e 2017. Asemade, esta axuda está cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica, instalou equipos térmicos de biomasa en dous locais sociais. Así, instaláronse tres caldeiras de pellets (dúas no local social de Cruxeiras e unha no local social da Ameixenda). Deste xeito, substitúese a enerxía eléctrica pola de biomasa. Esta actuación tivo un custo de 7.370,11 euros, para a cal se contou cunha axuda de fondos europeos de 3.875,87 euros.

A concelleira de Promoción Económica, Isabel González, destacou que “coa actuación realizada este ano xa son seis os locais sociais que pasan de ter radiadores eléctricos ou a gasoil por enerxía de biomasa. Agardamos que para o próximo ano dende a Concellaría de Promoción Económica e Desenvolvemento Rural se poida seguir con este programa, e poder amplialo a outros locais sociais e a outras instalacións do concello”.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Seis locales sociales del rural de Ames utilizan biomasa como combustible"