Pestanas principais

O Concello de Ames instala cinco illas ecolóxicas nas principais vías de Bertamiráns e do Milladoiro

Xoves, 12 de febreiro de 2015

[12-02-2015] O Concello de Ames, a través da concellaría de Medio Ambiente, instalou cinco illas ecolóxicas nas principais vías de Bertamiráns e do Milladoiro. Concretamente tres delas están situadas na avenida da Maía -Bertamiráns- e dúas na rúa de Rosalía de Castro, -Milladoiro-. Esta actuación tivo un custo total de 34.955 euros, dos cales, o 80% foi sufragado a través dunha axuda concedida polo Fondo de Compensación Ambiental 2014 e o importe restante, que ascende a 6.955 euros, foi asumido polo Concello amesán.

As illas ecolóxicas son cubre-colectores que permiten agrupar distintos contedores do lixo nunha mesma zona ao tempo que se lle facilita á veciñanza a separación dos residuos segundo a súa natureza e cantidade. Para a súa instalación non foi preciso realizar ningún tipo de obra e os operarios da brigada de medio ambiente municipal colocaron hedras nos maceteiros que teñen pola parte externa. Deste xeito, ao tempo que se facilita o sistema de recollida de lixo, tamén se consegue un aproveitamento do espazo. Estes puntos ecolóxicos intégranse ao entorno e melloran a estética das áreas de recollida tradicionais.