Pestanas principais

O Concello de Ames instala 27 colectores para a recollida de aceite usado por todo o termo municipal

Xoves, 12 de novembro de 2015

[12-11-2015] O alcalde de Ames, José Miñones, a concelleira de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, Catuxa García, o representante da entidade Procesadora Gallega de Alimentos, Javier Pardo, e a secretaria municipal asinaron un contrato a través do cal esta empresa vai instalar un total de 27 colectores repartidos por Bertamiráns, O Milladoiro, as urbanizacións de Aldea Nova e As Mimosas, así como nas cinco parroquias máis poboadas do municipio. Ademais, nas 6 parroquias restantes vaise a instalar, nos locais sociais, un bidón para a recollida de aceite de cociña. Todo o aceite que recolla transformarase en biodiésel, un combustíbel vexetal renovable e limpo.

O Concello de Ames, a través da concellaría de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, acaba de crear un novo servizo mediante o cal se instalarán na rúa colectores de recollida de aceite usado. Para iso, asinouse un contrato coa entidade Procesadora Gallega de Alimentos, mediante o cal, nunha primeira fase, vanse a colocar 8 colectores en Bertamiráns, 12 no Milladoiro, 1 en Aldea Nova, 1 nas Mimosas, e 1 colector en cada unha das cinco parroquias máis poboadas do concello; Ames, Bugallido, Covas, Biduído e Ortoño. Nas seis parroquias restantes colocarase un bidón nos locais sociais de cada unha delas. Posteriormente, nestes puntos, segundo a cantidade de aceite recollido estudarase a colocación dun colector.

A concelleira de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, Catuxa García, explica que “o obxectivo que se persegue a través desta actuación é dar resposta a unha demanda veciñal de hai moito tempo en canto a recollida deste residuo se refire. Tamén se pretende concienciar á veciñanza amesá da importancia da reciclaxe do aceite doméstico, que é responsable da proliferación de organismos prexudiciais para a saúde, malos cheiros e da contaminación de acuíferos subterráneos, augas fluviais e marítimas, así como de estragar as especies destes hábitats”.

A entidade encargada de realizar a recollida do aceite alimentario é a Procesadora Gallega de Alimentos, esta empresa leva moitos anos traballando tanto en Galicia como en outras comunidades españolas. Concretamente en Galicia ofrecen os seus servizos en 200 municipios onde teñen colocados máis de 1.000 colectores de recollida de aceite. Ademais, traballan no resto de España como é o caso de Castela e León ou na Comunidade de Madrid.

A veciñanza amesá poderá desfacerse do aceite alimentario usado botándoo dentro dun envase de plástico de uso doméstico e introducíndoo posteriormente no colector. Este sistema é máis cómodo para as persoas que empreguen este servizo xa que poderán levar dende as súas casas o aceite usado en envases de plásticos e depositalos nos colectores habilitados. Cada colector ten unha capacidade de 208 litros e conta con dobre parede para evitar actos vandálicos, vertidos e desbordamentos.

O aceite usado ten un alto poder contaminante
Os aceites usados constitúen un residuo abundante e teñen un alto poder contaminante. Estímase que cada persoa produce uns 7 litros deste residuos o ano. Tendo en conta que en Ames hai arredor de 30.000 habitantes, chegaríase a producir uns 210.000 litros de residuo doméstico. Cada litro de aceite contamina 1 metro cúbico de auga, polo que é necesario recoller e xestionar adecuadamente este subproduto.

A concelleira de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible indica que dende o goberno municipal "apostamos non só pola recollida selectiva deste residuo senón tamén pola súa recuperación. Xa que con este subproduto a empresa fabrica biodiésel, combustible moi similar ao gasóleo obtido do petróleo e que pode usarse para motores diésel en xeral".

Catuxa García tamén destaca “o alto poder contaminante que ten o aceite alimentario na rede de alcantarillado. Recollendo este produto conseguimos minimizar os danos producidos nas estación depuradoras (E.D.A.R.), abaratando así a depuración das augas residuais e facilitando a súa reutilización".

Por último, a edil amesá aproveita para “lembrarlle aos veciños e veciñas de Ames que non se debe tirar o aceite polo desaugadoiro. Deste xeito evitamos obturar as tuberías das casas e que este residuo pase directamente aos nosos ecosistemas contaminándoos”.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Trinta novos contedores nas urbes e parroquias para a recollida do aceite"