Pestanas principais

O Concello de Ames insta á Xunta de Galicia a que cumpra o seu compromiso e inclúa dentro dos Orzamentos de 2016 unha partida para a construción do novo centro de saúde do Milladoiro

Sábado, 21 de novembro de 2015

[21-11-2015] As voceiras e voceiros dos grupos municipais con representación no pleno da Corporación do concello de Ames, excepto o voceiro do grupo municipal popular, acaban de asinar un acordo no que se insta á Xunta de Galicia a que cumpra o seu compromiso e inclúa dentro dos Orzamentos de 2016 unha partida específica para a construción dun novo centro de saúde para O Milladoiro. Ademais, instase á Xunta para que destine dentro das partidas orzamentarias do 2016 as asignacións específicas para diversos proxectos, que se notificaron por escrito no pasado mes de setembro, e que están pendentes de executar dende hai anos. Por último, váiselle remitir este acordo aos grupos políticos que teñen representación no Parlamento de Galicia.

O alcalde de Ames, José Miñones, explica que Ames é un dos concellos de Galicia que experimentou un maior crecemento nos últimos anos ata chegar aos 30.600 habitantes actuais. Para dar cobertura a este incremento constante da poboación faise necesario que o Concello de Ames amplíe os servizos que se están a prestar aos veciños/as no tocante as áreas nas que o Concello ten competencia directa. Non obstante hai outras áreas nas que é a Comunidade Autónoma, a través da Xunta de Galicia, a que é competente e debe actuar, como son as áreas de sanidade, educación, etc. E para iso pode adicar dentro do seu orzamento partidas específicas de investimentos destinadas a actuacións concretas nos Concellos”.

Deste xeito, solicítase unha partida específica para a construción dun novo centro de saúde para O Milladoiro. Este é o núcleo urbano máis grande do concello de Ames cunha poboación superior aos 13.000 habitantes, e se se ten en conta a súa contorna, o número de usuarios e usuarias do centro de saúde ronda os 16.000. O rexedor municipal, explica que “durante varios anos nos orzamentos da Xunta existía unha partida de preto de 2.700.000 euros para esta obra, ata que no ano 2014 retirouse por completo. A Consellería de Sanidade comprometeuse con esta histórica demanda do Concello de Ames, a través das diferentes Conselleiras, e mesmo na última reunión mantida co Concello recoñeceu ser unha prioridade para a Xunta de Galicia a construción desta infraestrutura”.

A Consellería de Sanidade conta dende hai anos cunha parcela específica no sector S-15 do Milladoiro para a construción deste centro, contando ademais cun proxecto realizado para esta mesma parcela, que na actualidade conta coa posibilidade de executarse e comezar a súa construción.

José Miñones destaca que “por terceiro ano consecutivo, e nos novos Orzamentos da Xunta de Galicia para o ano 2016, non figura ningunha asignación para a construción deste centro de saúde e non se destina ningunha partida especifica a investimentos reais para o Concello de Ames, dándonos as costas ás nosas peticións, esquecéndose novamente de que existimos e da importancia do noso Concello que pasa por ser o máis novo de toda Galicia e dos que maior crecemento experimentan”.

Ademais, instase á Xunta para que destine dentro das partidas orzamentarias do 2016 as asignacións específicas para diversos proxectos, que se notificaron por escrito no pasado mes de setembro, e que están pendentes de executar dende hai anos. Un dos proxectos que hai que executar é a mellora e adaptación do centro de saúde de Bertamiráns, xa que nos últimos 25 anos non se realizou ningún tipo de obra de mellora. Este centro está desbordado, xa que atende a preto de 18.000 usuarios e usuarias. Carece de elementos básicos e reiteradamente reclamados como a modificación da zona administrativa ou a colocación dun ascensor. É recomendable a realización dun estudio de necesidades e adaptación dos espazos para cubrir e atender a demanda que ten na actualidade.

Ampliación da depuradora de Sisalde
Outra das necesidades que se lle plantexa é a ampliación da depuradora de Sisalde. Esta ampliación foi prometida e anunciada no ano 2012 sendo conselleiro de Medio Ambiente, Transporte e Infraestruturas, Agustín Hernández. O concelleiro de Urbanismo e Servizos Básicos, Blas García, destaca que “existe na actualidade un proxecto que xa contempla esa ampliación, pero que por motivos que descoñecemos está paralizado e dilatándose no tempo”.

No apartado educativo, trasládase a necesidade de arranxar e pechar os pavillóns polideportivos e as pistas dos colexios e do IES de Ames. Segundo explica o concelleiro de Educación, David Santomil, “esta é unha demanda que nos están a facer todas as ANPAS do concello de Ames, debido a meteoroloxía de Galicia, non sempre se pode facer uso deles”. Tamén se solicita que se destinen partidas orzamentarias para ampliar o IES de Ames e para a construción dun novo centro educativo no Milladoiro.

Tamén se solicita o arranxo e mellora dos tramos do Camiño de Santiago ao seu paso por Ames. O concello de Ames crúzano dous tramos do Camiño de Santiago: o Camiño Portugués, que pasa polo Milladoiro, e o Camiño Real ou Camiño a Fisterra que pasa por varias parroquias amesás. É necesario realizar actuacións de mellora, tanto do propio camiño como na sinalización do mesmo. E no caso concreto do Camiño a Fisterra é necesario realizar unha senda na parroquia de Trasmonte ata Ponte Maceira, xa que os peregrinos deben realizar o seu camiño pola estrada, co perigo que iso lle ocasiona, e máis se se ten en conta o incremento no número de peregrinos durante os últimos anos.

Ademais, nesta carta recóllese a petición de que se rematen as beirarrúas da estrada Roxos- Portomouro, no lugar de Piñeiro ata o límite con Val do Dubra. Unha reclamación dos veciños e veciñas de Piñeiro, os cales, dada a proximidade de Portomouro realizan moita da súa actividade neste concello e polo cal se desprazan a pé ata a localidade. Segundo as estimacións do goberno é necesario construír unha beirarrúa duns 200 metros aproximadamente.

Outras actuacións para as que se solicita apoio económico é para a posta en funcionamento do cemiterio e do parque comarcal de bombeiros, así como para executar un novo acceso ao polígono industrial Novo Milladoiro.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames priorizará las mejoras educativas y centros de salud"