[10-07-2017] Hoxe luns publícase no DOG a orde do 23 de xuño de 2017 pola que se autoriza a inclusión da Escola de Música Municipal de Ames (EMMA), no rexistro de escolas de música e danza desta comunidade autónoma, de conformidade coa Orde do 11 de marzo de 1993, que regula as condicións de creación e funcionamento destas escolas. A inscrición no Rexistro permite, entre outros aspectos, optar ás liñas de subvención convocadas pola Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña.
Logo de realizar os trámites que establece a normativa vixente, a Xunta de Galicia autorizou a inscrición solicitada polo Concello de Ames a través da Concellaría de Educación e Cultura. Este trámite estaba pendente de subsanación dende o ano 2011, polo que tivo que realizarse unha mellora e adaptación das instalacións no local de Aldea Nova e adaptarse aos requirimentos das titulacións que debe posuír o profesorado. A inscrición no Rexistro permite, entre outros aspectos, optar ás liñas de subvención convocadas pola Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña, para a realización de investimentos na Escola Municipal de Música que permitan incrementar o número de prazas.
O concelleiro de Educación e Cultura celebra que a EMMA xa forme parte do Rexistro, que era un dos obxectivos do goberno. "En menos de dous anos logramos regularizar a situación contractual do local no que está situada a Escola de Música en Aldea Nova e inscribila no Rexistro. Estes son dous pasos fundamentais para a consolidación da Escola, do profesorado e das posibilidades de incrementar o volume de alumnado".
Actualmente a EMMA oferta un total de 210 prazas.
Últimos días para a confirmación da matrícula na EMMA para o curso 2017-2018
O prazo de confirmación de matrícula para o curso 2017-2018, na Escola Municipal de Música de Ames, finaliza o próximo mércores, 12 de xullo. Ata ese día, as nenas e nenos que obtiveron praza no sorte público, do pasado 26 de xuño, poden confirmar a matrícula no rexistro das oficinas municipais do Milladoiro, no rexistro da Casa do Concello e no do Pazo da Peregrina.




