[30-03-2015] O alcalde de Ames, Santiago Amor, e o concelleiro de Obras, Alfredo Taboada, asistiron esta mañá ao inicio das obras na rúa A Besada, no Milladoiro. O Concello de Ames adquiriu por un importe de 18.101,86 euros dúas parcelas situadas no tramo final desta rúa, que conflúe coa avenida de Rosalía de Castro, para poder completar a execución desta vía con dous carrís de circulación e construír unha beirarrúa. Os traballos ascenden a 34.918 euros.
O rexedor amesán explicou que a incorporación destas dúas parcelas ao viario público redunda “nunha mellora do tráfico e da seguridade, tanto para os vehículos como para os peóns, xa que neste tramo non existían beirarrúas”. Amor subliña que todas estas intervencións, “paso a paso, contribúen a unir e completar a urbanización e a mobilidade por zonas inacabadas”.
Os traballos comezaron co derrubamento dunha vella caseta de telefonía que actualmente estaba en desuso. A continuación procederase ao ensanche da rúa para establecer un dobre sentido de circulación e despois executarase un novo tramo de beirarrúa nesta zona.
Travesa de Lodeiro
Por outra parte, o Concello de Ames tamén está executando traballos de mellora na Travesa de Lodeiro, en Bertamiráns. Nesta rúa estase realizando unha mellora da capa de rodaxe da calzada e vanse repoñer 112 metros cadrados de beirarrúa con bordo de formigón e baldosa de formigón vibrado. Por último, contemplase a colocación da sinalización horizontal e o pintado das liñas e símbolos correspondentes.