[10-07-2013] Co obxectivo de impedir a permanencia indefinida nas rúas de vehículos inservibles ou abandonados, a Policía Local de Ames xestiona o servizo de vehículos abandonados e control de depósito. No que vai de ano, o Concello de Ames abriu un total de 39 expedientes por abandono. Deles, 21 foron sacados da rúas amienses polos seus propietarios unha vez recibida a notificación do Concello, mentres que 5 turismos foron retirados da rúa polo guindastre e trasladados ao depósito. No resto dos casos, o expediente segue en curso e atópanse en fase de información aos propietarios para que leven a cabo a retirada dos vehículos.
Durante o ano anterior, en 2012, o Concello de Ames abriu 24 expedientes de vehículos abandonados, dos que 17 foron retirados da rúa polos seus propietarios e 7 foron retirados da rúa polo guindastre. Dun ano a outro, rexistrouse un incremento de casos de abandono de vehículos, quizais motivado pola incidencia da crise económica.
O proceso que segue a Policía Local para retirar aqueles vehículos que están abandonados na rúa é longo e require unha serie de procedementos necesarios para cumprir coa lexislación vixente en materia de seguridade viaria. A través da vixilancia e do control diario, os e as axentes municipais van detectando a existencia de coches que parecen atoparse en estado de abandono. Noutros casos son os propios veciños e veciñas da zona os que se dirixen aos axentes para avisar da presenza dun vehículo supostamente abandonado.
Para iniciar os trámites de retirada dun vehículo aparentemente abandonado ten que cumprirse algunha das condicións contempladas na Lei sobre tráfico, circulación de vehículos a motor e seguridade viaria. Cada vez que a Policía Local atopa un vehículo que pode estar en estado de abandono emite unha acta de observación de vehículo abandonado que se arquiva pero non se notifica.
Pasado un mes, vólvese a comprobar se o vehículo se atopa no mesmo lugar e se ocorre isto o Concello envíalle unha primeira comunicación ao titular do vehículo para que proceda a súa retirada. Unha vez transcorreron 15 días se o propietario non retirou o vehículo retírase ao depósito. Unha vez que o vehículo foi trasladado ao depósito o propietario dispón de dous meses para retiralo deste lugar e en caso que non sexa así o vehículo será considerado como un residuo sólido urbano e chámase a un centro autorizado para o desmantelamento de vehículos (Centro Autorizado de Tratamento) para a súa descontaminación e destrución.
Campaña control de alcoholemia
Nestes días, o Concello de Ames está colaborando coa Dirección Xeral de Tráfico na campaña especial sobre control da taxa de alcoholemia entre os condutores. Esta campaña, na que participa a Policía Local desenvolverase entre os días 9 e 15 de xullo, coincidindo cunha época do ano na que se incrementan os desprazamentos por estrada.
O obxectivo desta campaña é mellorar a seguridade viaria, xa que se calcula que o alcohol é un factor desencadéante ou concorrente nun terzo dos accidentes mortais que se producen en España. Ademais, os estudos de sinistralidade destacan que a inxesta de bebidas con graduación alcohólica multiplica por nove a posibilidade de sufrir un accidente.




