[17-03-2015] O Concello de Ames iniciou hoxe unha obra de emerxencia no colector de saneamento situado na Avenida da Maía, en Bertamiráns. En concreto, estase a actuar nun conduto próximo aos números 45 e 47, que presenta graves deficiencias no seu funcionamento. A actual adxudicataria do ciclo integral da auga, a Unión Temporal de Empresas Acciona Agua-Espina Servicios, encárgase de executar estes traballos e de asumir o seu custo, que acada os 55.000 euros.
O alcalde de Ames, Santiago Amor, que cifrou nun mes o prazo da intervención, destaca a “celeridade” coa que se vai actuar na principal vía de comunicación de Bertamiráns, “dando solución a infraestruturas estratéxicas e delicadas cuxo bo estado e funcionamento repercute directamente no benestar da poboación”.
Os labores consisten na colocación dun novo colector próximo ao existente para desviar os vertidos de forma correcta. Realizarase unha escavación para instalar tubaxe, ademais de rechear e facer reposicións de pavimento. Dende a concesionaria aseguran que se trata dunha actuación sinxela pero que require a máxima precisión para non afectar aos servizos de electricidade, gas ou fibra óptica.
A parte afectada do colector é duns 140 metros e ocasiona constantes atascos debido ao desgaste dos cables de telefonía instalados hai varios anos no seu interior. O estado en que se atopa provocou, ademais, o afundimento de parte da beirarrúa. O Concello de Ames realizou con frecuencia traballos de mantemento neste punto pero foron insuficientes para paliar as inundacións en garaxes e vivendas próximas, durante os períodos de abundantes chuvias.
Contido relacionado
La Voz de Galicia: "Una rotura obliga a reparar el colector de Bertamiráns"




