[28-02-2012] A colaboración entre o Concello de Ames e as clínicas veterinarias do municipio permitirá pór en marcha durante o mes de marzo unha innovadora campaña co obxectivo de sensibilizar os propietarios de cans sobre a importancia de ter identificados os seus animais. Así, a partir do próximo xoves día 1, os cinco establecementos de Ames que colaboran na iniciativa (Saudevet, Mundo Vivo, Zoolandia, Hospican e Clínica Veterinaria Novo Milladoiro) ofreceranlles ás persoas interesadas un desconto do 10 por cento no prezo da implantación dos microchips de identificación regulamentarios. O Concello de Ames lembra que, segundo a lexislación vixente, a implantación do microchip nas mascotas é obrigatoria e non voluntaria, e que o incumprimento desta norma pode implicar unha sanción económica.
Os detalles desta campaña acordáronse no transcurso dunha reunión de traballo entre a concelleira de Medio Ambiente, Desenvolvemento Sostible e Sanidade, Eugenia Martín, técnicos do seu departamento e unha representación dos profesionais veterinarios que traballan en Ames. A través da Policía Local, realizarase un control dos cans do municipio, comprobando cun lector de microchip que as mascotas están correctamente identificadas. Neste control, que se intensificará sobre todo no rural por atopárense alí máis animais abandonados, lembrarase aos propietarios a súa responsabilidade na identificación dos cans e advertiráselles da posible sanción económica que implica o incumprimento. Ao mesmo tempo, incidirase na problemática da recollida de excrementos caninos polas súas graves consecuencias hixiénicas, ambientais e sanitarias. O Concello de Ames lembra que estes residuos orgánicos son a miúdo fonte de contaxio de enfermidades entre mascotas e incluso de infeccións que poden afectarlles ás persoas.
A Concellaría de Medio Ambiente, Desenvolvemento Sostible e Sanidade enmarca esta campaña de educación no seu obxectivo de erradicar os problemas de seguridade viaria e de saúde pública que causan os cans abandonados, ademais de atallar o elevado custo económico que a súa recollida e depósito supón para o Concello de Ames. Deste xeito, a concellaría salienta que os cans abandonados, moitos deles sen identificación, son potenciais causantes de accidentes de tráfico, transmisores de enfermidades e, incluso, poden comportarse de maneira agresiva se se ven ameazados. No aspecto económico, o Concello de Ames cifra nuns 51.400 euros o custo anual que supón para o municipio o abandono de cans. Este importe resulta do aboamento de 48.000 euros ao Refuxio de Bando como cota fixa en función do número de habitantes do municipio (1,6 euros x 30.000 habitantes) ao que hai que sumar o pagamento dunha cantidade variable en función dos cans recollidos (34 euros x 100 animais).
Desde a Concellaría de Medio Ambiente, Desenvolvemento Sostible e Sanidade procúrase unha relación frutífera co colectivo de veterinarios de Ames, cos que se está a avanzar no borrador dunha nova ordenanza que contempla ampliar o actual rexistro de cans potencialmente perigosos a unha nova base de datos que permita ter tamén identificados ao maior número posible de animais domésticos do municipio.

Contido relacionado

La Voz de Galicia: "Promueven la colocación de chips a los perros de Ames"
El Correo Gallego: "Guerra a los perros sueltos en Ames para evitar pagar 51.400 € cada año"




