[10-07-2011] A concellería de Medio ambiente, Desenvolvemento Sostible e Sanidade amiense inicia unha campaña de consumo de auga responsable comezando por importantes medidas que se levarán a cabo dende o propio concello. A concelleira de Medio ambiente, Eugenia Martín Vicente, anuncia catro medidas para reducir e racionalizar o consumo de auga no concello de Ames. Por un lado cambiaranse o horiario de regos nos xardíns do paseo fluvial e nos do pazo da Peregrina, ata o de agora o rego facíase de día, e pásase a regar de noite xa que a terra aproveita mellor a auga ó non evaporarse tanto. Outras medidas son a revisión de todos os aspersores, e a redución do caudal das mangueiras. Nesta liña “estamos estudando tamén a captación de auga para o baldeo das rúas fóra da rede de auga potable” explica a concelleira, Eugenia Martín.
As medidas que máis aforro van implicar son a do cambio de hora nos regos dos dous grandes xardíns do concello e a captación de auga para baldeo fóra da rede de auga potable, unha medida que o grupo popular propuxera en varios plenos e que Carlos Fernández nunca tivo en conta. O Pazo da Peregrina supón un gasto trimestral de auga de 61.825 litros e o do paseo fluvial é de 44.214 litros tamén cada tres meses. A concelleira de Medioambiente explica que a día de hoxe xa se detectou unha baixada do caudal nos ríos que abastecen o concello de Ames, o río Tambre e o Roxos, polo que Eugenia Martín considera moi necesarias as medidas que se poñen en marcha.
Esta campaña responde á necesidade de concienciación dos cidadáns de que un consumo responsable de auga é beneficioso para toda a sociedade. E "dentro das responsabilidades dos concellos está tamén a de traballar para garantir o abastecemento dos veciños durante todo o ano, e poñendo especial atención ás épocas de sequía."
Esta campaña tamén se levará a cabo a través da radio municipal do concello de Ames con entrevistas, cuñas e reportaxes informativas para concienciar a tódolos veciños e veciñas amienses da importancia que ten un consumo responsable de auga.




