Pestanas principais

O Concello de Ames inicia un plan de cardioprotección coa instalación de 4 desfibriladores

Mércores, 28 de novembro de 2018

[28-11-2018] O Concello Ames iniciou un plan de cardioprotección coa instalación de 4 desfibriladores que se sumarán ao existente e que tiña Protección Civil. Os dispositivos están situados en instalacións deportivas, como o campo de fútbol do Milladoiro e de Bertamiráns, nos pavillóns polideportivos e Casa de Cultura do Milladoiro. O cuarto desfibrilador estará a disposición da Policía Local, para poder acudir ante unha parada cardíaca de forma móbil. Coa instalación do desfibrilador DOC, o proceso de atención ante unha parada cardíaca axilízase, xa que o propio desfibrilador incorpora un dispositivo conectado 24 horas con telecontrol, tee-asistencia, chamada preferente ao 112 e xeolocalización.


Espazos cardioprotegidos conectados
A cardioprotección é unha tendencia emerxente orientada á protección do corazón en caso de episodios cardíacos. O gran número de mortes por paro cardíaco na poboación animou a gobernos, empresas, entidades e asociacións a concienciar á poboación e tomar medidas que permitan reverter a situación grazas á creación de zonas ou espazos cardioprotegidos.

Estas zonas contan con, polo menos, un desfibrilador, con mantemento garantido e con persoas adecuadamente formadas para poder garantir unha rápida actuación en caso de paro cardíaco repentino (para conseguir que volva latexar o corazón da persoa afectada), ata a chegada dos servizos médicos de emerxencia.

Para que as posibilidades de supervivencia ante un paro cardíaco repentino sexan óptimas, débese realizar de forma inmediata unha resucitación cardiopulmonar (RCP) que permita manter o fluxo necesario de sangue osixenado ao cerebro ata que se restableza o ritmo cardíaco normal mediante a descarga eléctrica fornecida por un desfibrilador. O tempo máximo para aplicar a desfibrilación a unha persoa que sufriu un paro cardíaco repentino é dun máximo de 5 minutos.

Hai identificados catro pasos críticos para tratar o paro cardíaco repentino, denominados Cadea de Supervivencia: Recoñecemento e chamada ao servizo de emerxencia; unha rápida resucitación cardiopulmonar (RCP); desfibrilación temperá, e SVA e coidados post- resucitación. Desde hoxe Ames pasa a ser un Concello cardioprotexido cunha aposta clara polos hábitos saudables e a saúde.

O alcalde de Ames, Jose Miñones, explica “faise realidade este proxecto que quixemos poñer en marcha o ano pasado. Ames contará non só cos dispositivos, senón coa formación e cobertura de última xeración. Seguimos apostando por un Concello saudable que aposte polo deporte e os hábitos saudables”.

Todo este proxecto levouse a cabo coa empresa B+ Safe, líder en cardioprotección de espazos en España que ademais, incluíu a formación en RCP/SVB (Resucitación Cardiopulmonar/Soporte Vital Básico) e uso do DESA (desfibrilador semiautomático) asía como charlas sobre a cardioprotección e estas técnicas ao resto dos veciños.

Nesta iniciativa, o Concello de Ames, colócase tamén na vangarda tecnolóxica que lle converte nun dos poucos municipios que conta cun servizo integral de cardioprotección intelixente. “O sistema monitoriza o equipo, asegurando o seu correcto funcionamento no caso de que sexa necesario, ademais de ofrecer un servizo de teleasistencia que guía ao usuario na maneira de proceder se se produce un accidente cardíaco. “Saber como realizar unha RCP e contar cun desfibrilador pode ser a diferenza entre a vida e a morte”, explica Javier Maeztu, director de relacións institucionais de B+ Safe.

Á presentación acudiron varios representantes dos clubs deportivos de Ames, así como monitores das Escolas deportivas municipais. O goberno municipal levou a cabo unha programación de formación ao longo do pasado ano no que o persoal municipal tivo a oportunidade de coñecer con detalle o uso e técnicas a realizar con estes dispositivos. Desde a Concellería de Deportes quere facerse unha planificación conxunta para a formación dos monitores/as das entidades deportivas locais de cara a que calquera deles poida, en caso de urxencia, utilizalo e salvar unha vida. Para o Concello é clave a implicación dos clubs e de aí que se propoña levar a cabo xa neste mesmo ano unha formación para 5 representantes de clubs que será ampliada no 2019.

Solución DOC®
Coa instalación do desfibrilador DOC, o proceso de atención ante unha parada cardíaca axilízase, xa que o propio desfibrilador incorpora un dispositivo conectado 24 horas con telecontrol, tee-asistencia, chamada preferente ao 112 e xeolocalización. Os avances tecnolóxicos permitiron crear DESA fáciles de utilizar por persoal non sanitario e coas máximas garantías de calidade e seguridade. Na seguinte ligazón podes ver un vídeo explicativo sobre o desfibrilador DOC: https://www.youtube.com/watch?v=3e0DMh_yi8I&feature=youtu.be

A empresa B+ Safe patentou a solución DOC® (Desfibrilador Operacional Conectado) única do mercado que ofrece todas as solucións integradas no propio equipo que permanece conectado e operativo as 24 horas do día. O desfibrilador semi-automático Philips, unido a un sistema de comunicación, garante 24 horas os diferentes servizos de telecontrol, xeolocalización, tee-asistencia, asistencia verbal directa que Allianz Assistance presta ao usuario, alerta automática de socorro. Ademais, B+ Safe dispón dun centro de atención telefónica e equipo técnico propio para o seu mantemento.

Contido relacionado


Compostela 24 horas: "Iníciase un plan de cardioprotección do Concello de Ames"
La Voz de Galicia: "Instalaciones deportivas y culturales de Ames estrenan desfibriladores"
El Correo Gallego: "Novos desfibriladores en Ames para pór en marcha o plan de cardioprotección"
Lindeiros: "Ames inicia un plan de cardioprotección coa instalación de 4 desfibriladores "