Pestanas principais

O Concello de Ames inicia a redacción do proxecto técnico para levar saneamento aos núcleos de Piñeiro e Tapia

Mércores, 11 de marzo de 2026

O Concello de Ames iniciou a redacción dun proxecto que permitirá levar o servizo de saneamento ás parroquias de Piñeiro e Tapia. Este proxecto contempla tamén a preinstalación das canalizacións necesarias para a futura instalación do servizo de abastecemento de auga.

O proxecto prevé a instalación de fosas sépticas nos núcleos das parroquias de Tapia e Piñeiro, así como a reubicación e mellora das xa existentes na Rúa e Fernande. Ademais deixarase feita a preinstalación das canalizacións necesarias para seguir ampliando a rede de abastecemento para continuar expandindo este servizo básico. Unha vez executada esta actuación, a práctica totalidade do concello de Ames terá garantido o servizo de saneamento, unha prioridade para o goberno municipal.

O alcalde, Blas García, e o concelleiro de Obras, Gustavo Nieto, visitaron, xunto ao equipo técnico e á xerente de Augas de Ames, Genma Otero, as zonas nas que se pretende actuar. Na visita estiveron polo representante veciñal no consello de administración da EPEL e veciño de Tapia, Lino Berdullas. O rexedor cualificou esta actuación como “un gran avance na consecución de servizos no rural”. Ademais, destacou a importancia de seguir dotando o rural de prestacións básicas para contribuír a evitar o seu abandono.

Esta é unha antiga reclamación do Concello de Ames que, desde hai anos, o grupo de goberno leva incluíndo nas emendas presentadas aos orzamentos da Xunta de Galicia. Xa no ano 2013, desde o Concello realizáronse xestións como a presentación dun anteproxecto ante o ente autonómico. O proxecto actual elaborarase cun enfoque diferente para facilitar a súa rápida execución e garantir este servizo na maior brevidade posible.

Proxectos executados durante o mandato
Esta actuación súmase a outras xa executadas durante o mandato para a mellora das redes de abastecemento e saneamento no concello. Estas obras foron realizadas tanto polo Concello de Ames como, posteriormente á súa constitución como EPEL, por Augas de Ames.

Entre elas destacan as obras realizadas no núcleo de Lens, cun investimento de 754.346,85 euros, que permitiron dotar de saneamento e abastecemento á zona; as actuacións na aldea de Loureiros, cun investimento de 109.265 euros, que contemplaron a ampliación do saneamento e do abastecemento, así como a mellora do pavimento dos núcleos; as obras na avenida de Rosalía de Castro, por valor de 115.500 euros; e as actuacións de saneamento en Caroubáns, cun investimento de 120.000 euros.

Por outra banda, estanse a realizar tamén as preinstalacións das canalizacións dos servizos de abastecemento e saneamento en todas as obras que se executan nos núcleos que carecen destes servizos.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Ames extiende el alcantarillado por Tapia y Piñeiro usando fosas sépticas"

La Voz de Galicia: "Ames completará el saneamiento en el municipio con la dotación del servicio a núcleos de Piñeiro y Tapia"

O Concello de Ames inicia a redacción do proxecto técnico para levar saneamento aos núcleos de Piñeiro e Tapia

Multimedia

  • O Concello de Ames inicia a redacción do proxecto técnico para levar saneamento aos núcleos de Piñeiro e Tapia
  • O Concello de Ames inicia a redacción do proxecto técnico para levar saneamento aos núcleos de Piñeiro e Tapia
  • O Concello de Ames inicia a redacción do proxecto técnico para levar saneamento aos núcleos de Piñeiro e Tapia