Pestanas principais

O Concello de Ames inicia os traballos para a construción dunha rotonda na rúa do Pedregal, en Bertamiráns

Venres, 07 de xuño de 2013

[07-06-2013] Esta mañá comezaron os traballos para a construción dunha rotonda na rúa do Pedregal, en Bertamiráns. As obras, postas en marcha polo Concello de Ames, contan cun orzamento estimado de 9.463 euros e permitirán mellorar a conexión do polígono de vivendas APE B7-01 Río Ameneiral co solo urbano da rúa Pedregal, Poeta da Maía e Travesía do Pedregal. O concelleiro de Vías, Obras e Urbanismo, Alfredo Taboada, destacou que “con esta actuación, comprometida polo Goberno amiense, mellorarase a circulación de peóns e vehículos, dotando á zona dunha maior seguridade”.

O edil de Vías, Obras e Urbanismo visitou esta mañá a zona da rúa do Pedregal acompañado de técnicos municipais para comprobar o inicio dos traballos, o pintado da zona e o traslado de materiais de construción. Segundo o proxecto das obras, nesta zona construirase unha rotonda que terá unha superficie de 243 metros cadrados e de 17 metros de diámetro.

Os traballos que se levarán a cabo consistirán na demolición de firme, execución de bordillo de rotonda e recheo de terra vexetal, e destinarase unha partida para xardinería. Tamén se acometerá a instalación na rotonda dunha boca de rego, de canalizacións para alumeado e instalaranse elementos de sinalización e seguridade. Esta actuación forma parte dun conxunto de iniciativas que se realizarán na zona que comprende dende a Travesía do Pedregal ata a Rúa do Pedregal para mellorar a circulación de peóns e vehículos.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames inicia os traballos para a construción dunha rotonda na rúa do Pedregal, en Bertamiráns"