Pestanas principais

O Concello de Ames inicia o proceso de contratación dos traballos de substitución do colector de saneamento da rúa Alcalde Lorenzo, en Bertamiráns

Xoves, 28 de febreiro de 2013

[28-02-2013] A Xunta de Goberno Local de Ames deu luz verde ao inicio do expediente de contratación das obras de substitución do colector de saneamento situado na rúa Alcalde Lorenzo, de Bertamiráns. Estes traballos, incluídos no Plan de Obras e Servizos 2012 da Deputación da Coruña, contan cun orzamento de 160.422,37 euros. O colector será reposto en 400 metros que comprenden as rúas Alcalde Lorenzo, Avenida da Maía e o enlace das mesmas.

As obras recollen o conxunto de actuacións necesarias para levar a cabo a substitución das tuberías de formigón, que compoñen parte da rede de saneamento do núcleo urbano de Bertamiráns. Os traballos que se realizarán inclúen o levantado das beirarrúas e viarios afectados para introducir a canalización. Ademais, procederase á substitución de canalizacións e pozos, un paso que inclúe a escavación en gabia, a colocación das tuberías e o tapado das mesmas con capas de area e material axeitado, así como a execución dos novos pozos de rexistro. Por último, acometerase a reposición de pavimentos e de beirarrúas afectadas. As canalizacións afectadas están situadas baixo a rúa Alcalde Lorenzo e a Avenida da Maía.

Estes traballos supoñen unha importante actuación para o núcleo de Bertamiráns, debido ao estado no que se atopa este colector, sobre o que se debía actuar hai anos. De feito, o proxecto orixinal tivo que ser modificado, xa que en xaneiro de 2012 o Concello de Ames tivo que realizar unha obra con carácter de urxencia nesta rúa e que supuxo a reposición de 30 metros do colector que leva as augas residuais á EDAR de Sisalde. Nese momento, o estado do colector facía que non fose capaz de recoller toda a auga, producíndose filtracións que deixaron ocos baixo a beirarrúa provocando perigo de derrubamento.