[30-11-2014] O Concello de Ames inicia mañá luns unha Campaña de Recollida de Alimentos de Nadal. Dende o departamento de Servizos Sociais fan un chamamento á cidadanía a colaborar nesta causa solidaria. As persoas interesadas en doar algún alimento poden facelo ata o vindeiro 19 de decembro nos distintos puntos de recollida, situados na Casa do Concello, na Oficina Municipal do Milladoiro, no Pazo da Peregrina e nas casas da Cultura de Bertamiráns e Milladoiro. O reparto realizarase a partir do día 20.
A concelleira de Servizos Sociais, Eugenia Martín, explica que a filosofía desta campaña é “ofrecer ás familias máis necesitadas do Concello de Ames a posibilidade de consumir algúns alimentos típicos do Nadal aos que non poden acceder”.
Por outro lado, un grupo de voluntarios do Concello de Ames pon en marcha, por duodécimo ano consecutivo, unha Campaña de Recollida de Xoguetes. Baixo o lema En Ames todos xogamos búscase que “ningún neno ou nena quede sen agasallo este Nadal”. Tal como explican dende a Oficina de Voluntariado municipal “nestas datas aumenta o número de persoas voluntarias e sempre se reúne unha gran cantidade de regalos, suficiente para atender aos 120 rapaces inscritos no departamento de Servizos Sociais municipal”.
Dende mañá e ata o vindeiro 2 de xaneiro recolleranse xoguetes novos ou en bo estado nas Casas da Cultura de Bertamiráns e Milladoiro co obxectivo de que todos os pequenos e pequenas de Ames poidan recibir o seu agasallo na Noite de Reis.

Contido relacionado

La Voz de Galicia: "Ames inicia hoy su campaña navideña de recogida de alimentos y juguetes"




