[26-10-2016] O goberno municipal compareceu esta mañá en rolda de prensa para informar da campaña informativa de fraccionamento e aprazamento dos recibos do IBI correspondentes ao proceso de regularización catastral levada a cabo polo Ministerio de Facenda e Administracións Públicas a través da Dirección Xeral do Catastro. Neste acto o alcalde de Ames, José Miñones, e mailos voceiros dos grupos municipais de PSdeG-PSOE, Blas García, Contigo Pódese, Genma Otero, e BNG, David Santomil, fixeron balance das actuacións feitas ata este momento sobre este asunto e anunciaron que o importe recadado a través da regularización catastral do IBI será investido na zona rural despois de acordalo coas asociacións de veciños. O Concello enviou unhas postais informativas por correo ordinario para informar á veciñanza desta campaña.
O pasado 30 de marzo de 2016 finalizou o proceso de regularización catastral que iniciou o Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, a través da Dirección Xeral do Catastro, no que se actualizaron os datos catastrais coa incorporación de novos bens que non estaban declarados, así como alteracións e/ou modificacións de bens xa rexistrados. Desde que o goberno de Ames tivo coñecemento deste proceso, púxose en contacto coa Deputación da Coruña, entidade que ten delegada a competencia neste tributo, e coa Xerencia Rexional do Catastro.
Deste xeito, enviáronse varios escritos dirixidos á Deputación Provincial da Coruña e a Xerencia Rexional do Catastro da Coruña, para solicitar unha ampliación do prazo de alegacións; que non se aplicasen con carácter retroactivo; que se enviasen reforzos de persoal técnico para atender as veciñas/os; e que se establecese un sistema especial de pago dos impostos sen a esixencia de xuros de mora, avais nin fianzas. A todas estas peticións a Deputación respondeu dicindo que hai unha normativa e que non é posible a irretroactividade, así como que é obrigado cobrar os xuros de demora porque son parte da débeda esixible ao contribuínte.
A competencia deste tributo (Imposto de Bens e Inmobles) está delegada na Deputación da Coruña e rexen as súas normas de tramitación e resolución de aprazamentos e fraccionamentos de pago de débedas, así como a súa ordenanza fiscal xeral, e é por iso que o Concello desde o inicio realizou xestións para que desde este organismo se faciliten mecanismos para o pago destes recibos, máximo tendo en conta que se emitiron conxuntamente e van coincidir co recibo anual do IBI, co grave prexuízo que lle está a causar a moitos veciños/as.
O alcalde de Ames, José Miñones, explicou que “moitos dos veciños afectados por dita regularización catastral están neste momentos recibindo catro recibos correspondentes aos exercicios 2012, 2013, 2014 e 2015. Ademais, o envío destes recibos coincide co recibo de pago do IBI deste ano 2016, que tamén se está enviando actualmente. Deste xeito, son cinco recibos os que teñen que pagar os veciños e veciñas afectados por este proceso de regularización, polo que cremos necesario informar desta campaña de fraccionamento e aprazamento”.
O rexedor municipal recalcou que “o importe recadado a través da regularización catastral do IBI será investido na zona rural despois de acordalo coas asociacións de veciños. Abrirase un proceso de participación veciñal, regulado por unhas bases, para decidir en que proxectos se vai a investir este importe que estará encadrado dentro do próximo orzamento municipal”.
Sistema de pago personalizado do IBI
O sistema de pago personalizado do IBI posibilita pagar este imposto en conxunto ou nos prazos que cada veciños/a elixa: 2, 4, 7, 10... ata un máximo de 12 meses. Ademais, se hai que pagar cantidades superiores a 3.000 euros ofrécese a posibilidade de aboalo ata en 24 meses. Para formalizar a solicitude de aprazamento e/ou fraccionamento os interesados/as deberán acudir a Oficina de Recadación da Deputación da Coruña no Concello de Ames, situada en rúa Ameneiral, número 18, baixo (Bertamiráns), en horario de 9:00 a 14:00 h de luns a venres.
Miñones lembrou que “o proceso de regularización catastral iniciouse en Ames en outubro de 2015 e afectou a preto de 1.900 veciños e veciñas. Nese momento dende o Concello de Ames puxéronse a disposición da veciñanza as oficinas de Urbanismo e os técnicos municipais, para presentar as alegacións que estimaron oportunas e realizáronse unha serie de xestión a través das clases se conseguiu ampliar o prazo de alegación, inicialmente establecido en 15 días, ata finais de 2015”. O rexedor municipal lamentou que “en outubro de 2014, momento no cal se lle informou ao anterior goberno dito proceso de regularización, non se lle informara desta circunstancia á veciñanza porque ditos veciños/as houbesen regularizado a situación das súas parcelas ou vivendas, xa que se non o fixeron foi por descoñecemento e non por omitirlle información a Catastro”.
Fraccionamento e aprazamento
Desde o goberno infórmase aos veciños/as de Ames afectados por este proceso e que están xa a recibir as notificacións dos recibos do IBI da regularización, de como proceder para poder fraccionar e/ou aprazar ditos pagos. En primeiro lugar deben saber que son aprazables ou fraccionables aquelas débedas de importe superior a 100 euros. A concesión do aprazamento ou fraccionamento outorgarase de forma automática para débedas de contía inferior a 30.000 euros coa presentación dunha declaración responsable do contribuínte.
Asemade, como regra xeral o prazo máximo de duración do aprazamento ou fraccionamento será de ata 12 meses, aínda que para para débedas superiores a 3.000 euros este prazo poderá ampliarse ata os 24 meses. O número mínimo de fraccións será de dúas e máximo de 12 ou 24 meses, segundo o caso.
A voceira de Contigo Pódese e concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, resalta que “desde o Concello seguimos a pelexar para solucionar situacións de indefensión como esta e solicitando ese sistema especial de pago que permita que o recibo do IBI poda abonarse en dous prazos, coincidindo con dous períodos do ano, e que neste caso excepcional da regularización catastral se estableza tamén ese envío das liquidacións de xeito graduado, tendo en conta que a Deputación non atendeu as outras peticións que fixemos dende o goberno”.
Rebaixa do IBI
O voceiro municipal do BNG-Asembleas Abertas e concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, destacou que este pasado luns, 24 de outubro, o goberno municipal mantivo unha xuntanza con varias asociación municipais de veciños para informalos das posibilidades de fraccionamento e aprazamento de ditos recibos do IBI. Así mesmo, Santomil destacou que a rebaixa do IBI do 0´5 ao 0´44 feita polo goberno municipal o pasado ano permitiu paliar un pouco a carga impositiva que lle está supoñendo para a veciñanza amesá dito proceso de regularización catastral.
Cambios en Urbanismo
O voceiro do PSdeG-PSOE e concelleiro de Urbanismo, Blas García, explicou que dende o departamento de Urbanismo se están realizando unha serie de modificacións para tratar de evitar que a veciñanza se volva a ver afectada por unha regularización deste tipo, se se volvese a facer algún día. Así, en todas as licenzas de obra maior incluíuse un apuntamento de que os veciños terán que acudir a Catastro para comunicar calquera variación nas súas parcelas ou vivendas. Este apuntamento tamén se vai a incluír nas comunicacións previas de obra.
Por outra banda, dende o goberno solicitouse unha xuntanza co Director Xeral de Catastro, para presentarlle a proposta de elaborar un convenio, co obxectivo de que as comunicacións que os veciños fagan no Concello se lle dea traslado delas dende o propio Concello a Catastro. Por último, Blas García, indicou que dende o departamento de Urbanismo vánselle facilitar aos veciños e veciñas, que interpoñan algún tipo de recurso contra este proceso de regulación, os informes técnicos que necesiten.
Contido relacionado
La Voz de Galicia: "El Concello reinvertirá en el rural el dinero que ingrese de la regularización catastral retroactiva"
El Correo Gallego: "A oposición de Ames quere baixar o IBI e o goberno, fraccionalo"