Pestanas principais

O Concello de Ames informa sobre os procesos de licitación abertos en materia de contratación administrativa

Sábado, 24 de setembro de 2016

[24-09-2016] Paralelamente aos plans de mellora da contratación administrativa semestrais que o Concello vén publicando periodicamente no seu Portal de Transparencia, no que se dá conta da planificación das licitacións e do calendario estimado dos procesos, así como a difusión do resumo das licitacións e adxudicacións dos distintos contratos de servizos, obras, subministros, etc, tamén se están publicando dentro da propia páxina do perfil do contratante os procesos de licitación abertos e o estado no que se atopan os expedientes ofrecendo información cumprida e actualizada en cada momento.

Actualmente o Concello de Ames ten abertos varios expedientes de licitación de obras e servizos que inclúen as obras de reparación e acondicionamento do cemiterio municipal por un importe total de 346.068,86 euros e a reparación de camiño Agro do Muíño-Ortoño por un importe de 40.801,15 euros, que se atopan en fase de cualificación da documentación presentada (sobre A), xa que rematou o prazo de presentación de proposicións o día 21 de setembro.

Tamén están abertos o expediente de obras das gradas cubertas no campo de fútbol do Milladoiro por importe de 91.536,56 euros e as obras de saneamento e abastecemento en Lamas-Costoia (Biduído) por importe de 81.692,30 euros, que están pendente de adxudicación definitiva.

Licitación de servizos municipais
No que respecta aos servizos municipais están abertas as licitacións das escolas deportivas municipais por un importe de 238.854 euros e mailo servizo de desenvolvemento de actividades de prevención, promoción da saúde e dinamización de persoas maiores (Amessan) de 156.816,00 euros que se atopan pendentes de adxudicación definitiva.

A maiores está aberta a licitación da xestión do servizo público do Ciclo Integral da Auga do Concello de Ames cun orzamento estimado de 7.950.136,44 euros para os catro anos de duración máxima do contrato (incluído o período inicial de 2 anos máis as prórrogas) que se atopa na fase de valoración das ofertas técnicas (sobre B).

Adxudicación de obras
No último mes formalizáronse os seguintes contratos: as obras de conexión do polígono industrial desde avenida do muíño vello á estrada de Ventín (Milladoiro) adxudicado por 86.057,62 euros, conseguindo unha diminución de 58.820,91 euros, que representa unha porcentaxe de baixa dun 40,60% respecto ao orzamento base de licitación; as obras de reparación de interiores en Insua (Agrón) e outros por importe de 21.879,23 euros cunha diminución de 10.325,49 euros (32,04%,); e mailas obras para a reparación das instalacións do club de piragüismo Ribeiras do Tambre por un importe de 38.322,87 euros cunha diminución de 11.640,32 euros (23,30%).

Outros proxectos adxudicados recentemente foron os relativos ás obras de reposición da sinalización horizontal nos núcleos de Bertamiráns e do Milladoiro por 132.241,51 euros, cunha baixa de 47.770,68 euros (36,12%). Tendo en conta a diminución conseguida nesta obras alcanzouse unha media de baixa do 33% en cada obra licitada, todas elas incluídas dentro dos plans da Deputación da Coruña. Tamén se formalizaron as prórrogas do programa Bos días Cole, Tardes Divertidas, Comedores Escolares, servizo de asesoramento e mediación en materia de seguros, limpeza de instalacións municipais e servizo de prevención de riscos laborais.

Mellora das instalacións da Casa da Cultura de Bertamiráns
Nesta última Xunta de Goberno Local do xoves, 22 de setembro, aprobouse o inicio do expediente de contratación das Escolas Culturais do Concello de Ames, que se fará a través dun procedemento negociado no que se invitará a cinco empresas. Asemade, aprobouse tamén o inicio do expediente de contratación das obras de reparación e mellora da Casa da Cultura de Bertamiráns que teñen un custo de 99.446,19 euros.

O goberno municipal vén de planificar os prazos de posta en marcha dos diferentes expedientes co obxectivo de ir cumprindo as datas de inicio das obras e xustificación das axudas. O departamento de Contratación xestiona na actualidade obras por valor dun millón de euros en investimentos e comezará en breve a apertura dos expedientes de varias obras do Plan de Acción Social da Deputación e que sumarán importantes cantidades á xestión administrativa actual. Para o goberno é esencial poder axilizar o inicio de todos estes expedientes para ir cumprindo cos prazos de xustificación e contar canto antes coas obras e investimentos programados.

A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, responsable da área de Contratación manifesta que “o 17 de xuño publicouse o Plan de Mellora da Contratación do 2º semestre deste ano 2016, con esta ferramenta imos planificando a actuación en materia de contratación e identificando as necesidades e prioridades dos distintos departamentos, aínda que as veces xorden novas necesidades e urxencias que fan que estas programacións teñan que sofrer algunha modificación”.

Genma Otero engade que “desde o departamento de Contratación estanse a tramitar un volume importante de expedientes, cumprindo coa normativa reguladora de contratos, dándolle publicidade conforme á Lei de Transparencia e procedéndose a regularizar situacións en materia contractual que levaban anos sen solucionarse, e iso é un motivo de satisfacción para este goberno. Por iso, agradecemos a todas as traballadoras/es do departamento de Contratación o esforzo e traballo que están a desenvolver nesta área que de xeito transversal afecta a todos os departamentos do Concello”.