[15-03-2019] A Federación Española de Municipios e Provincias, coñecida coas siglas FEMP, e a Axencia Estatal de Seguridade Aérea están a difundir entre os concellos unha serie de recomendacións que os cidadáns deben ter en conta á hora de utilizar un dron, tanto a nivel lúdico como profesional. O incremento no uso destas aeronaves fai necesario que os usuarios coñezan o marco regulador que rexe o seu uso, e as sancións que poden derivar do incumprimento destas normas, co obxectivo de garantir a seguridade das persoas, os bens materiais e as demais aeronaves.
Nos últimos anos, a utilización de drons incrementouse de maneira significativa tanto entre nenos/as como entre persoas adultas, posto que o seu uso non se limita a fins lúdicos senón tamén se estende á súa utilización como instrumento profesional. Este incremento fai necesario que os propietarios deste tipo de aeronaves coñezan as normas que limitan o seu uso co fin de este non só non supoña un risco para a integridade de persoas e bens, senón para garantir a protección de datos e a privacidade dos demais individuos.
Así, o emprego deste tipo de naves está regulado polo RD 1036/2017 do 15 de decembro, no que se rexe a utilización civil das aeronaves pilotadas por control remoto e que modifica o Regulamento do Aire RD 552/2014 do 27 de xuño, e o Regulamento de Circulación Aérea RD 57/2002 do 18 de xaneiro. En dita normativa contemplase que o uso lúdico de drons que pesen máis de 2 quilos só debe realizarse durante o día e en condicións meteorolóxicas adecuadas que permitan telo a vista en todo momento, mentres que os de peso inferior poden voar pola noite, sempre que se manteñan a menos de 50 metros de altura.
No tocante a lugares onde haxa aglomeracións de edificios ou reunións de persoas ao aire libre, só poden voar aqueles con peso inferior a 250 gramos, sempre que o fagan a menos de 20 metros de altura. Ditos instrumentos non poden, en ningún momento, poñer en perigo nin causar molestias a persoas e bens, polo que está prohibido que estas aeronaves voen en espazo aéreo controlado, zonas de información de voo FIZ, zonas reservadas, prohibidas ou restrinxidas á navegación aérea; mentres que para facelo nas proximidades de aeroportos ou aeródromos será necesario contar coa coordinación previa co xestor ou responsable de dita infraestrutura. Ademais, é importante ter en conta que o usuario do dron é o responsable de todos os danos que o obxecto poida causar a terceiros, polo que é recomendable contar cun seguro de responsabilidade civil.
Por outra banda, o uso profesional deste tipo de aeronaves require que o operador estea habilitado ante a Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) e, por conseguinte, este é o único órgano ante o que deben tramitarse permisos, habilitacións ou autorizacións referentes este tipo de usos. Por conseguinte, necesitarase autorización expresa da AESA para voar en espazos aéreos controlados ou zonas de información do voo FIZ, así como en zonas con aglomeracións de edificios ou reunións de persoas ao aire libre. Nestes dous últimos supostos, tamén será necesario que o operador realice unha comunicación previa ao Ministerio do Interior cun prazo mínimos de dez días de antelación, dado que pode ser necesario que a zona de voo sexa delimitada.
No que respecta ao uso de RPAS ou drons por parte das administracións públicas, éstas só poden facer uso destas aeronaves se se habilita como operador ante a AESA ou contrata os servizos dunha empresa operadora, a excepción que este uso se encadre nalgunha das excepcións parciais contempladas na normativa, como son Forzas e Corpos de Seguridade, Dirección Xeral de Tráfico ou o Centro Nacional de Intelixencia. Ademais, aínda que a ESAD é o único órgano con capacidade para autorizar os voos deste tipo de máquinas, a utilización dun terreo público para a realización das operacións de despegue ou aterraxe de drons si debe contar co permiso do titular de ditos terreos. Isto estendese aos voos en recintos cerrados, suposto no que a autorización corre a cargo dos titulares dos recintos.
Denuncias e sancións por incumprimento da regulación vixente
As denuncias por un suposto uso irregular dos drones/RPAS deben ser remitido á Axencia Estatal de Seguridade Aérea, ben a través da súa Sede Electrónica, mediante a presentación no Rexistro ou por correo ao enderezo da AESA, situada na Avenida General Perón, 40, Portal B, 1º Planta. 28020 Madrid. Este debe ir dirixido á Dirección de Seguridade de Aeronaves, situada na 1C5.
No tocante ás sancións, estas varían segundo a gravidade das infraccións. En xeral, a multa por unha sanción leve pode ir dos 60 aos 45.000 euros, mentres que as graves van dos 45.001 aos 90.000.; e as moi graves entre os 90.001 e os 225.000 euros. Por outra banda, no caso das persoas físicas ou xurídicas que desenvolvan actividades incluídas no ámbito de aplicación da lei de Seguridade Aérea con carácter comercial, ou que as realicen a cambio dunha contraprestación económica non salarial, no caso de cometer unha infracción leve podería suporlle unha sanción de 4.500 a 70.000 euros, mentres que unha grave iría dos 7.001 aos 250.000 euros e unha moi grave dos 250.000 aos 4,5 millóns de euros.