Pestanas principais

O Concello de Ames informa que os requisitos de acceso para a Escola de Verán 2020 serán os recollidos no último regulamento aprobado en 2019

Venres, 05 de xuño de 2020

Ante as dúbidas trasladas por algúns usuarios con respecto á Escola de Verán 2020, o Concello de Ames quere informar que o regulamento da Escola de Verán aprobado en febreiro de 2019 será o que rexe o funcionamento para este ano. O servizo de conciliación, que se desenvolverá durante o período non lectivo dos meses de xullo e agosto, ten aberto o prazo de inscrición ata o próximo 8 de xuño.

O regulamento da Escola de Verán foi aprobado en febreiro de 2019, e recolle no seu artigo 10 “Tipo de usuarios/as”, o seguinte: que os nenos/as para os que se solicita o programa deberán pertencer a unha unidade familiar empadroada, na súa totalidade, no Concello de Ames, no momento de presentar a solicitude.

Un punto tamén recollido no regulamento aprobado en febreiro de 2019 é que se debe acreditar a necesidade de conciliación de vida laboral e familiar por un ou ambos proxenitores/titores. Ademais de que a unidade familiar estea ao día no pagamento de todos os servizos ofertados polo Concello de Ames, e en xeral, non ter débedas co Concello (a excepción do casos informados polos Servizos Sociais Municipais como Emerxencia Social).

En canto á determinación da unidade familiar, compoñen a unidade familiar a estes efectos: os pais non separados legalmente, e no seu caso, o titor/a ou persoa encargada da garda e protección do menor; os fillos/as menores de idade, con excepción dos/as emancipados/as; os/as nenos/as en réxime de acollemento e o(s)/a(s) titular/es do acollemento; e no caso de non existir vínculo matrimonial, a unidade familiar entenderase constituída polo pai, a nais e todos os fillos dos pais dos que ostentan en solitario a garda e custodia.

No caso de separación, divorcio ou ruptura do vínculo non matrimonial, os membros da unidade familiar serán o pai/nai custodio e o(s)/a(s) fillo(s)/a(s) deste/a, no caso de nenos con custodia compartida, un dos pais e o(s)/ a(s) fillo(s)/a(s) deste/a.

En caso de existir unha orde de afastamento, presumirase que a persoa á que esta se refire non forma parte da unidade familiar.

Xa por último, no caso do/a proxenitor/a non custodio que formule unha solicitude deberá acreditar a continuidade da situación de separación.

Así, a situación de cada unidade familiar será valorada de xeito diferenciado unicamente en caso de que a solicitude
responda a unha estancia temporal do fillo/a motivada por un período de vacacións ou similar. En caso contrario considerarase
que o/a solicitante volve a formar parte da unidade familiar.

Desenvolvemento da Escola de Verán

Os centros habilitados para a realización do programa serán, no Milladoiro, a Escola de Educación Infantil (para os/as alumnos/as escolarizados durante o curso 2019/2020 nalgún dos niveis do segundo ciclo de educación infantil) e o CEP de Ventín (para os/as alumnos/as matriculados/as durante o curso 2019/2020 nalgún dos niveis de educación primaria).

En Bertamiráns, os/as usuarios/as poderán elixir entre o CEIP A Maía e o CEIP de Barouta se ben, por cuestións derivadas de aforo en relación á Covid-19, unha vez completado o aforo nun dos dous centros, o resto de solicitudes, por orde de entrada no rexistro, repartirase no outro centro.

Para máis información sobre o proceso de inscrición, podes consultar esta nova. 

Escola de Verán 2020

Multimedia

  • Escola de Verán 2020