[04-10-2013] O alcalde de Ames, Santiago Amor, asinou esta mañá un bando que ten como obxectivo informar dos servizos mínimos de recollida do lixo establecidos pola Mancomunidade de Concellos Serra do Barbanza durante este fin de semana con motivo da folga que realizarán este sábado, 5 de outubro, os traballadores de FCC, empresa concesionaria deste servizo. Esta folga afectará a todos os concellos da Mancomunidade de Concellos Serra do Barbanza.
Na comunicación remitida pola Mancomunidade ao Concello na xornada de onte, con motivo do día elixido para a folga, o servizo de recollida do lixo quedará interrompido durante tres días consecutivos: venres día 4 por ser día festivo local en Lousame (concello no que se sitúa o Complexo), sábado día 5 (día da folga) e domingo día 6 de outubro.
O Concello de Ames explica que a Presidencia da Mancomunidade decretou a prestación duns servizos mínimos equivalentes o 40% da xornada normal de traballo e na totalidade dos servizos obxecto da concesión, prestándolle especial atención aos centros de ensino, saúde, terceira idade e aqueloutros que polas súas características puideran representar un risco para a saúde ou para o tránsito de persoas e vehículos.
Ademais, e dado que o servizo non se normalizará ata o luns, día 7 de outubro de 2013, o Concello de Ames solicita de todos os veciños a súa colaboración atendendo a varias recomendacións. Entre estes consellos, está o de reducir a produción de lixo o máximo posible e que os restos de comida, especialmente de peixe e semellantes, deberán introducirse en dobre bolsa, asegurando a súa hermeticidade.
Tamén se indica que se informará puntualmente, a través de bandos, das novas que se produzan. Aínda así, para calquera información ou emerxencia relacionada con este servizo poderanse utilizar os seguintes teléfonos: o da empresa concesionaria do servizo (981-191240) ou o da Policía Local do Concello (619-767575).
Por último, e diante da falta de prestación deste servizo básico, esencial para todos os veciños, ao exercer os traballadores de FCC SA o seu lexítimo dereito de folga, o Concello de Ames destaca que só coa colaboración de todos será posible manter unhas condicións mínimas de salubridade.
Contido relacionado
La Voz de Galicia: "Ames y Brión fijan servicios mínimos del 40 % para la recogida de la basura"