[14-02-2015] A Unión Temporal de Empresas Acciona Agua-Espina Servicios xestiona dende o 1 de febreiro o ciclo integral da auga en Ames. O persoal da compañía atende calquera incidencia nas oficinas situadas na rúa Ameneiral, número 18, de Bertamiráns e no local municipal do Milladoiro, na rúa de Abaixo, número 10. Ademais dispón dun teléfono de urxencia –626 920 999– operativo as vinte e catro horas do día.
O pago de facturas non se realiza en efectivo nas oficinas porque así o establece o Regulamento de Abastecemento, Saneamento e Depuración, aprobado pola corporación municipal na sesión plenaria de abril do ano pasado. Os clientes deberán facer o ingreso dos recibos no Banco Sabadell Gallego, situado na Avenida Rosalía de Castro, 53, do Milladoiro, e na Avenida da Mahía, 21, baixo, de Bertamiráns. Previamente, terán que dirixirse ás oficinas da concesionaria para recoller as cartas de pagamento que presentarán nas entidades bancarias.
O Concello amesán sinala que o calendario fiscal municipal veuse alterado polo comezo dun novo servizo, que ocasionou certos retrasos, pero estase a traballar cos técnicos para solucionar estes avatares canto antes. O goberno municipal informa de que ningún usuario que non puidese aboar o seu recibo sufrirá cortes no subministro de auga.
Martes de Entroido
O martes, día 17, as oficinas permanecerán pechadas segundo establece o convenio colectivo dos traballadores, aínda que o servizo de emerxencias estará operativo.
O horario habitual de atención ao público en Bertamiráns realizarase de luns a venres de 9:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 19:00 horas, e os sábados de 9:00 a 14:00 horas. O teléfono desta oficina é o 981 883 842. No local municipal do Milladoiro, o horario é de 9:00 a 14:00 horas, de luns a venres.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "O Concello amesán nega cortes da auga por impagos"