Pestanas principais

O Concello de Ames informa das medidas especiais fronte á Covid para o Noitevella e Anonovo

Mércores, 30 de decembro de 2020

O Concello de Ames informa das medidas especiais fronte á Covid para o Nadal, aprobadas pola Xunta de Galicia a través do Decreto 226/2020 do 29 de decembro de 2020. As medidas afectan á mobilidade (entrada e saída en Galicia; entrada en zonas de Galicia pechadas perimetralmente; e mobilidade nocturna) e aos encontros familiares para as celebracións das festas de Nadal. Ademais, desde o concello de Ames lémbrase que se mantéñen vixentes as medidas do nivel básico. A recomendación do Concello e que as xuntanzas para celebrar as festas de Noitevella e Aninovo só se fagan coa unidade de convivencia.

As medidas As medidas especiais para o Nadal, publicadas este martes 29 de decembro de 2020 no DOG, establecen que entre o día 23 de decembro de 2020, ás 00.00 horas, e o día 7 de xaneiro de 2021, ás 00.00 horas, establécese unha limitación de entrada e saída na Comunidade Autónoma de Galicia, salvo para aqueles desprazamentos, adecuadamente xustificados que se produzan por algún dos motivos previstos no número 3 do punto primeiro deste decreto, que veñen a ser:

Asistencia a centros, servizos e establecementos sanitarios
Cumprimento de obrigas laborais, profesionais, empresariais, institucionais, sindicais e de representación de traballadores ou legais.
Asistencia a centros universitarios, docentes e educativos, incluídas as escolas de educación infantil.
Retorno ao lugar de residencia habitual ou familiar.
Asistencia e coidado, incluído o acompañamento, a maiores, menores, dependentes, persoas con discapacidade ou persoas especialmente vulnerables.
Desprazamento a entidades financeiras e de seguros ou estacións de servizo en territorios limítrofes.
Actuacións requiridas ou urxentes ante os órganos públicos, xudiciais ou notariais.
Renovacións de permisos e documentación oficial, así como outros trámites administrativos inaprazables.
Realización de exames ou probas oficiais inaprazables.
Por causa de forza maior ou situación de necesidade.
Calquera outra actividade de análoga natureza, debidamente acreditada.

Así mesmo, excepcionaranse das limitacións de entrada e saída os desprazamentos a territorios que sexan lugar de residencia habitual de familiares de quen se desprace, entre o día 30 de decembro de 2020 ás 00.00 horas e o día 5 de xaneiro de 2021 ás 00.00 horas, sen prexuízo da ulterior revisión desta excepción para os efectos de decidir ou non o seu mantemento, e aínda que estes lugares estean sometidos a limitacións de entrada e saída de acordo con este decreto.

Mobilidade dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia
Entre o día 30 de decembro ás 00.00 horas e o día 1 de xaneiro ás 23.00 horas, para os ámbitos territoriais de Galicia pechados perimetralmente a día de hoxe, quedan exceptuados das limitacións de entrada e saída aqueles desprazamentos, adecuadamente xustificados, que se produzan a territorios que sexan lugar de residencia habitual de familiares de quen se desprace.

Encontros familiares
En relación coas limitacións da permanencia de grupos de persoas, os encontros con familiares para celebrar as comidas e ceas do 31 de decembro de 2020 e o 1 de xaneiro de 2021 quedarán sometidos aos seguintes condicionantes:
Recoméndase que os encontros familiares se limiten á unidade de convivencia.
No caso de que os encontros familiares se produzan entre persoas de dúas unidades de convivencia diferentes, estarán suxeitos á limitación de que non superen o número máximo de dez persoas.
No caso de que os encontros se produzan entre persoas de máis de dúas unidades de convivencia diferentes, estarán suxeitos á limitación de que non superen o número máximo de seis persoas. Dentro deste número máximo de seis persoas non computarán os nenos e nenas menores de dez anos. En todo caso, os encontros estarán suxeitos á limitación de que non superen o número máximo de dez persoas.
Nos encontros familiares previstos neste número, deberá terse especial precaución e coidado coas persoas en situación de vulnerabilidade para o COVID-19.

Limitación da mobilidade nocturna
Na noite do 31 de decembro de 2020 ao 1 de xaneiro de 2021, a hora de comezo da limitación da liberdade de circulación das persoas en horario nocturno prevista no artigo 5 do Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, amplíase ata as 1.30 horas, unicamente para permitir o regreso ao domicilio. En ningún caso se utilizará esta ampliación horaria para desprazarse a diferentes encontros sociais.

Medidas especiais para a hostalaría os días 31 de decembro de 2020 e 1 de xaneiro de 2021
Establecementos de hostalaría e restauración:
O día 31 de decembro de 2020, nos ámbitos territoriais os clientes dos establecementos de hostalaría e restauración deberán abandonar os citados establecementos antes das 23.00 horas.
O día 1 de xaneiro de 2021 os establecementos de hostalaría e restauración non poderán abrir antes das 11.00 horas.

medidas_noitevella
Descargas: