Pestanas principais

O Concello de Ames informa das medidas especiais fronte á Covid para o Nadal

Mércores, 23 de decembro de 2020

O Concello de Ames informa das medidas especiais fronte á Covid para o Nadal, aprobadas pola Xunta de Galicia a través do Decreto 222/2020 do 22 de decembro de 2020. Ditas medidas afectan á mobilidade (entrada e saída en Galicia; entrada en zonas de Galicia pechadas perimetralmente; e mobilidade nocturna) entre o día 23 de decembro de 2020, ás 00.00 horas, e o día 7 de xaneiro de 2021, ás 00.00 horas. Tamén afectan aos encontros familiares para as celebracións de Nadal dos días 24 e 25 de decembro. Ademais, lémbrase que no concello de Ames mantéñense vixentes as medidas do nivel básico. Prégase á veciñanza responsabilidade nestas datas e que se sigan extremando todas as precaucións. A recomendación do Concello e que as xuntanzas das celebracións das festas de Nadal só se fagan coa unidade de convivencia.

As medidas especiais para o Nadal, publicadas este martes 22 de decembro de 2020 no DOG, establecen que entre o día 23 de decembro de 2020, ás 00.00 horas, e o día 7 de xaneiro de 2021, ás 00.00 horas, establécese unha limitación de entrada e saída na Comunidade Autónoma de Galicia, salvo para aqueles desprazamentos, adecuadamente xustificados que se produzan por algún dos motivos previstos no número 3 do punto primeiro deste decreto, que veñen a ser:

-Asistencia a centros, servizos e establecementos sanitarios.
-Cumprimento de obrigas laborais, profesionais, empresariais, institucionais, sindicais e de representación de traballadores ou legais.
-Asistencia a centros universitarios, docentes e educativos, incluídas as escolas de educación infantil.
-Retorno ao lugar de residencia habitual ou familiar.
-Asistencia e coidado, incluído o acompañamento, a maiores, menores, dependentes, persoas con discapacidade ou persoas especialmente vulnerables.
-Desprazamento a entidades financeiras e de seguros ou estacións de servizo en territorios limítrofes.
-Actuacións requiridas ou urxentes ante os órganos públicos, xudiciais ou notariais.
-Renovacións de permisos e documentación oficial, así como outros trámites administrativos inaprazables.
-Realización de exames ou probas oficiais inaprazables.
-Por causa de forza maior ou situación de necesidade.
-Calquera outra actividade de análoga natureza, debidamente acreditada.

Así mesmo, excepcionaranse das limitacións de entrada e saída os desprazamentos a territorios que sexan lugar de residencia habitual de familiares de quen se desprace, entre o día 23 de decembro de 2020, ás 00.00 horas, e o día 30 de decembro de 2020, ás 00.00 horas, sen prexuízo da ulterior revisión desta excepción para os efectos de decidir ou non o seu mantemento, e aínda que estes lugares estean sometidos a limitacións de entrada e saída de acordo con este decreto.

Mobilidade dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia
Entre o día 23 de decembro, ás 00.00 horas, e o día 25 de decembro, ás 23.00 horas, para os ámbitos territoriais de Galicia pechados perimetralmente a día de hoxe, quedan exceptuados das limitacións de entrada e saída aqueles desprazamentos, adecuadamente xustificados, que se produzan a territorios que sexan lugar de residencia habitual de familiares de quen se desprace.

Encontros familiares
En relación coas limitacións da permanencia de grupos de persoas prevista no punto segundo deste decreto, os encontros con familiares para celebrar as comidas e ceas de Nadal dos días 24 e 25 de decembro de 2020 quedarán sometidos aos seguintes condicionantes:

-En todo caso, recoméndase que os encontros familiares se limiten á unidade de convivencia.
-No caso de que os encontros familiares se produzan entre persoas de dúas unidades de convivencia diferentes, estarán suxeitos á limitación de que non superen o número máximo de dez persoas.
-No caso de que os encontros se produzan entre persoas de máis de dúas unidades de convivencia diferentes estarán suxeitos á limitación de que non superen o número máximo de seis persoas. Dentro deste número máximo de seis persoas non computarán os nenos e nenas menores de dez anos. En todo caso, os encontros estarán suxeitos á limitación de que non superen o número máximo de dez persoas.

Nos encontros familiares previstos neste número, deberá terse especial precaución e coidado coas persoas en situación de vulnerabilidade para o COVID-19.

Limitación da mobilidade nocturna
Na noite do 24 ao 25 de decembro de 2020, a hora de comezo da limitación da liberdade de circulación das persoas en horario nocturno prevista no artigo 5 do Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, amplíase ata as 1.30 horas, unicamente para permitir o regreso ao domicilio. En ningún caso se utilizará esta ampliación horaria para desprazarse a diferentes encontros sociais.

Cartel informativo das medidas especiais fronte á Covid para o Nadal