Pestanas principais

O Concello de Ames informa da flexibilización de determinadas medidas na fase 2 da desescalada

Mércores, 27 de maio de 2020

O Concello de Ames informa que este mércores, 27 de maio, publicouse no Boletín Oficial do Estado a Orde SND/445/2020, do 26 de maio, na que se inclúen novas medidas para a flexibilización de determinadas restricións de ámbito nacional establecidas tras a declaración do estado de alarma en aplicación da fase 2 do Plan para a transición cara a unha nova normalidade. Dende hoxe mesmo deixan de aplicarse as franxas horarias que rexían ata agora nos paseos da poboación infantil e adulta e elimínanse as limitacións no número de veces que se poden realizar diariamente. Si debe respectarse a franxa horaria establecida para persoas maiores de 70 anos, sendo esta de 10:00 a 12:00 horas e de 19:00 a 20:00 horas.

A través da nova Orde que vén de emitir o Goberno do Estado deixa de estar vixente, nos paseos de poboación infantil, a limitación de tan só un paseo diario, de máximo unha hora de duración e a unha distancia non superior a un quilómetro con respecto ao domicilio do menor. No caso da poboación adulta, os paseos poderán realizarse a unha distancia superior a un quilómetro con respecto ao domicilio. En ámbolos dous casos a mobilidade segue limitada á provincia  da Coruña. Igualmente, non rexerá limitación algunha ao respecto do número de veces ao día en que se poderán realizar estas actividades, tanto para os desprazamentos da poboación infantil como para a práctica da actividade física non profesional.

Dende o Concello de Ames apélase á responsabilidade dos veciños e veciñas no cumprimento das normas polo ben común e evitar así un posible retroceso no control da pandemia. As novas medidas de flexibilidade limítanse aos desprazamentos da poboación infantil e á práctica da actividade física non profesional. O resto de medidas na fase 2 da desescalada seguen a estar vixentes neste período, aplicable dende o pasado 25 de maio de 2020. Igualmente, podes consultar a guía da fase 2 do Plan para a transición cara unha nova normalidade.

Medidas de hixiene e distanciamento social
O Concello de Ames lembra que é importante continuar coas medidas de hixiene e distanciamento social, procedendo a un habitual lavado de mans e mantendo a distancia social para evitar o risco de contaxios. Asemade lémbrase, con carácter xeral, o uso obrigatorio de máscaras en persoas de seis anos en diante na vía pública, en espazos ao aire libre e en calquera espazo pechado de uso público ou que se atope aberto ao público, sempre que non sexa posible manter unha distancia de seguridade interpersoal de polo menos dous metros, sendo recomendable o seu uso para a poboación infantil de entre tres e cinco anos.

xente_na_rúa_bertamiráns