[06-09-2013] O Concello de Ames, a través da Concellaría de Cultura e Deportes, preparou un amplo abano de actividades deportivas e culturais para o curso 2013-2014. Durante o próximo curso, as escolas deportivas municipais de Ames ofertarán catro novas actividades: bádminton, judo, ballet e ximnasia rítmica coas que se aumentará a oferta deportiva destinada ás nenas. O programa das escolas deportivas e dos obradoiros inclúe 13 actividades deportivas; 4 actividades físicas para adultos; e 5 obradoiros culturais. O vindeiro luns, 16 de setembro, comeza o prazo de matrícula no programa de obradoiros culturais e escolas deportivas para o curso 2013-2014. Todas as persoas que o desexen poderán inscribirse nas prazas libres e grupos de nova creación que se ofertan dentro deste programa deportivo e cultural. Hai dispoñibles 1.449 prazas libres (247 nos obradoiros culturais, 507 nas actividades para adultos e 695 nas escolas deportivas). O prazo de inscrición estará aberto ata o 20 de setembro. Premendo nos enlaces que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter máis información sobre as actividades ofertadas e os trámites que hai que realizar para a inscrición.
Con este novo programa de actividades, a Concellería de Deportes busca darlle continuidade á prestación dun servizo que leva anos realizando, como é o das escolas deportivas municipais e dos obradoiros culturais. Como novidade, incluíranse para o próximo curso actividades deportivas novas, como o bádminton, judo, ballet ou ximnasia rítmica. O obxectivo das actividades programadas nas escolas deportivas é promover o benestar físico, psicolóxico e social da poboación amiense.
No apartado de escolas deportivas impartíranse as actividades de ballet, bádminton, baloncesto, fútbol sala, fútbol sala feminino, judo, natación, patinaxe, predeporte, tenis, tenis de mesa, voleibol e ximnasia rítmica. No campo de actividade física para adultos, o programa inclúe ximnasia de mantemento; aeróbic; pilates; e spinning, abdominais e glúteos. Ademais, impartiranse cinco obradoiros culturais diferentes: bailes de salón; teatro; manualidades; xadrez; e baile e música tradicional. Hai dispoñibles 1.449 prazas libres (247 nos obradoiros culturais, 507 nas actividades para adultos e 695 nas escolas deportivas).
Prazo de inscrición
O próximo luns, 16 de setembro, ábrese o prazo de matrícula para todas aquelas persoas que desexen inscribirse nas prazas libres e grupos de nova creación que se ofertan dentro deste programa deportivo e cultural. As solicitudes de inscrición poderán realizarase entre o 16 e o 20 de setembro. A matrícula pódese facer de xeito presencial na Casa da Cultura do Milladoiro ou no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, en horario de 9:00 h a 14:00 horas. Ademais os días 16 e 17 de setembro tamén se atenderán as inscricións en horario de tarde, de 16:00 h a 18:00 horas.
Á hora de inscribirse é necesario achegar os datos persoais do inscrito/a, e no caso dos menores de idade tamén do pai/nai ou titor/a. As persoas que por sorteo obteñan praza deberán solicitar a folla de autoliquidación nos locais de inscrición e o nos correos electrónicos deportes@concellodeames.org e cultura.milladoiro@concellodeames.org para proceder ao pagamento da actividade entre o 24 e o 30 de setembro na entidade bancaria correspondente. Unha vez se paga dita autoliquidación, non será necesario entregar ningún resgardo nos locais de inscrición. 
Sorteo público de prazas
Se hai máis solicitudes que prazas ofertadas farase un sorteo público e nunca se adxudicarán por orde de chegada. Se fose necesario o sorteo realizarase o luns 23 de setembro, ás 12:00 horas, no salón de plenos da Casa do Concello. As listaxes de persoas admitidas faranse públicas o martes 24 de setembro. Estas listas exporanse nos taboleiros da Casa da Cultura do Milladoiro e do Pazo da Peregrina de Bertamiráns.
Como nos anos anteriores, para matricularse nas escolas deportivas e obradoiros culturais é imprescindible estar empadroado/a no Concello de Ames e non ter débedas pendentes de calquera tributo coa Administración local. Cada persoa poderá inscribirse, como máximo, en dúas escolas deportivas e en dous obradoiros culturais, sempre que non coincidan horarios. Ademais, non se permite a inscrición en máis dun grupo da mesma actividade.
Todas as persoas que estean interesadas en participar nas escolas deportivas e nos obradoiros culturais do vindeiro curso xa poden solicitar información na oficina de Cultura e Deportes de Bertamiráns, situada no Pazo da Peregrina, e na Casa da Cultura do Milladoiro. As clases, segundo o previsto, comezarán a semana do luns 7 de outubro e finalizarán o 31 de maio de 2014.
Contido relacionado

El Correo Gallego: "Ames incrementa a oferta de actividades deportivas e obradoiros culturais"




