Pestanas principais

O Concello de Ames incrementa o número de prazas dos servizos complementarios de educación

Domingo, 27 de febreiro de 2011

[27-02-2011] O Concello de Ames é un dos municipios galegos cun maior incremento de poboación moza. Debido a iso, prodúcese un aumento das solicitudes dos servizos complementarios de educación, co que ano a ano o goberno local amplía a oferta destes servizos complementarios para que se adapten ao incremento da demanda. Os servizos complementarios ofertados polo Concello de Ames son pioneiros en toda a comunidade autónoma e inclúen os programas Bos días cole, Tardes divertidas, Psicomotricidade e a Rede Municipal de Comedores Escolares. Ademais paralelamente ofértase outro servizo educativo enmarcado dentro da Escola Municipal de Música. Todos estes servizos xuntos contan cun total de 1.622 usuarios/as.

Ames é un dos concellos galegos no que se dá un maior incremento da poboación moza na súa pirámide poboacional e debido a este crecemento que se produce ano a ano aumenta paralelamente a demanda dos servizos complementarios da Concellería de Educación destinados á poboación máis nova do municipio. Por este motivo, dende o goberno municipal apostan por incrementar periodicamente a oferta destes servizos ao incremento paulatino da demanda, polo que cada mes son máis os que se benefician de proxectos como Bos días cole, Tardes divertidas, Psicomotricidade e da Rede Municipal de Comedores Escolares.

Os programas de Bos días cole e Tardes divertidas teñen a finalidade de favorecer a conciliación familiar e laboral dos pais e nais de Ames. Así, os rapaces e rapazas que forman parte de Bos días cole acoden antes á escola e permanecen nela ata o inicio das clases, facilitándolle así aos pais e nais que teñan que entrar aos seus traballos a unha hora moi temperá a posibilidade de deixar os fillos e fillas na escola.

Pola súa banda, Tardes divertidas encárgase de manter entretidos aos nenos e nenas cuxos pais e nais traballan polas tardes e non teñen con quen deixalos neste tempo, polo que despois do comedor escolar pasan a realizar diversas actividades lúdico-educativas ata que os seus familiares veñen recollelos. Estes programas están destinados a nenos e nenas de 2º ciclo de Educación Infantil e Primaria dos centros públicos do concello.

Segundo as estadísticas, a 31 de xaneiro de 2011 eran 242 os rapaces e rapazas beneficiarios do programa Bos días cole, mentres que son 117 os e as participantes en Tardes divertidas. Así, a aposta do goberno local por facilitar a conciliación familiar e laboral fai que dende o Concello se destinará en xaneiro unha dotación mensual de 6.459 euros para Bos días cole e outra de 3.476,63 euros para Tardes divertidas.

Rede Municipal de Comedores Escolares

Outro dos programas de educación complementaria ofertado pola Concellaría de Educación é a Rede Municipal de Comedores Escolares. Os comedores escolares de Ames foron pioneiros á hora de ofrecer un servizo de xestión alimentaria directa que comeza e completa o ciclo, desde a elección do menú e a compra ata a cociña e a mesa, sen pasar por mans alleas. Este ano bátense todas as marcas e dende que comezou a funcionar este servizo, alá polo ano 2003, este é o curso que máis alumnos/as se atende nos comedores escolares. Actualmente son 983 usuarios os que se benefician deste programa, que supuxo un gasto no pasado mes de xaneiro duns 52.987, 50 euros.

Así, os programas Bos días cole, tardes divertidas e a rede Municipal de Comedores Municipais dan servizo ao CEIP A Maía, ao CEIP Agro do Muíño, á Escola de Educación Infantil do Milladoiro e ao CEP de Ventín.

Programa de psicomotricidade

Outro dos programas ofertados dende o concello é o de Psicomotricidade educativa e preventiva cuxa finalidade consiste en traballar a expresividade motriz de cativos e cativas, logrando deste xeito unha maior capacidade de relación co entorno e adaptándose as súas capacidades de crecemento como persoas. Durante a primeira etapa infantil, ata os 6 anos aproximadamente, os cativos e cativas adquiren os coñecementos e aprendizaxes dun xeito práctico: a través da súa acción, do seu movemento. O corpo é a canle principal para aprender. Isto é así porque os nenos e nenas ata esta idade, 5-6 anos, atópanse nunha situación de "globalidade", e os avances que fagan a nivel motor van a permitirlle sentar as bases para estar preparados para outros aprendizaxes mais abstractos. Así por exemplo si un neno ou nena non experimenta suficientemente a nivel corporal, xogando, conceptos como arriba/abaixo, dentro/fora, adiante/atrás... será moi complicado que adquira habilidades como a lecto-escritura xa que nelas van implícitos estes conceptos.

Con este tipo de programas tamén se busca que os nenos e nenas aprendan a respectarse entre eles. Durante este curso incrementouse o número de grupos que se acolleron a estas clases dunha hora de duración que se realizan nos CEIP A Maía e Agro do Muíño, na EEI do Milladoiro e no CEP Ventín. O número de inscritos ata o de agora é de 90 e a dotación económica destinada para este programa durante o mes de xaneiro foi de 1.080 euros.

Escola Municipal de Música de Ames

Por último, tamén se inclúen na oferta educativa do Concello o servizo posto en marcha pola Concellería de Cultura a través da Escola Municipal de Música de Ames, na que os rapaces e rapazas interesadas en tomar un primeiro contacto coa música poden inscribirse e comezar a dar os seus primeiros pasos no mundo dos pentagramas e dos compases. A día de hoxe, son 190 os rapaces e rapazas os inscritos na EMMA, dos cales, 14 novas incorporacións tiveron lugar na última quenda de matriculación deste ano.

Así pois, á marxe dos servizos educativos obrigatorios ofertados polos centros educativos públicos, o concello elabora toda unha serie de programas destinados a ampliar o currículum educativo e as capacidades sociais e culturais dos máis novos e novas da localidade. Programas de especial importancia nun concello como o noso no que un alto número de veciños ten entre 0 e 18 anos, é dicir, xente moza que con estas iniciativas obtén a posibilidade de ampliar os seus coñecementos e a oferta lúdica da localidade.

A nova noutros medios dixitais:

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames presta servicios educativos a 1.622 niños"
El Correo Gallego: "Más servicios educativos para los amienses"