Pestanas principais

O Concello de Ames incrementa o número de horas e o crédito para a prestación do Servizo de Axuda no Fogar

Sábado, 02 de setembro de 2017

[02-09-2017] Este venres, 1 de setembro, comezou a xestionar o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) a empresa Atendo Calidade SL, nova adxudicataria do servizo despois de que finalizase o proceso de contratación. Este contrato foi adxudicado polo importe total de 1.223.878,97 euros por un período inicial de dous anos. Trátase da primeira licitación deste servizo, que neste caso foi feita polo actual goberno municipal, onde se cambiaron os criterios de valoración nos pregos para que tivesen máis peso os criterios técnicos que o criterio económico xa que é un servizo fundamental para o Concello de Ames. Deste xeito, introducíronse melloras que redundarán no benestar e nunha mellor atención aos usuarios/as: servizos de podoloxía, perruquería, enfermería e limpezas de choque a domicilio así como axudas técnicas.

A concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, explica que "dende o goberno apostamos por darlle unha maior calidade ao servizo de axuda no fogar. Dende o Concello apostamos fortemente por este programa, xa que entendemos que non é un servizo sen máis, senón que é un dereito. A comezos de ano fixemos un incremento de horas neste servizo para poder chegar a un maior número de usuarios e usuarias. Tamén se introduciron melloras nos pregos da licitación do Servizo de Axuda no Fogar como foron o incremento das horas de prestación do servizo en 1.521 horas/mensuais (18.262 horas anuais) cun incremento do crédito asignado a esa partida de 312.742 euros, acadando o crédito total asignado ao SAF a cifra de 766.267 euros".

Ademais, para a mellora deste servizo municipal realizáronse outra serie de actuacións encamiñadas á unificación da xestión, dos criterios e do procedemento, así como para reorganizar o departamento de Servizos Sociais co obxectivo de que este servizo sexa xestionado por un único técnico municipal. Isto permitiu unificar criterios, modernizar o servizo e a súa xestión e asumir un forte incremento de horas para poder prestar o servizo a un maior número de usuarios/as.

Coa implantación da lei 39/2006 de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situacións de dependencia, existen dúas modalidades de acceso: o servizo de axuda no fogar na modalidade de dependencia, para persoas con recoñecemento de dependencia; e o servizo de axuda no fogar na modalidade de libre concorrencia, para aquelas persoas que tendo ou non unha situación de dependencia recoñecida, co obxectivo de dar resposta a unha situación de urxente necesidade de atención. Deste xeito, o novo contrato do servizo e axuda no fogar contempla dúas modalidades de atención: a básica e a de dependencia.

Apertura dunha oficina na rúa Agrelo de Bertamiráns
A través do novo contrato dáselle máis importancia á calidade do servizo e non tanto ao aspecto económico. A duración inicial do contrato será de dous anos, podendo prorrogarse anualmente ata un máximo de catro anos, incluído o período inicial e maila prórroga. Na licitación deste servizo, que fixo por primeira vez o actual goberno, conseguiuse un aforro de 241.394,05 euros, respecto do orzamento base de licitación, así como unha notable mellora do servizo. Outra das principais novidades é que a nova empresa que presta dito servizo habilitou unha oficina na rúa Agrelo, número 10, en Bertamiráns.

No novo contrato recóllese un programa de empréstitos de axudas técnicas para a prestación do servizo coma guindastres de mobilización, camas articuladas motorizadas, colchón antiescaras, cadeira xiratoria de baño, cadeira rodas manuais, etc. Tamén haberá prestacións específicas complementarias como podoloxía, perruquería, fisioterapia e enfermería, dando resposta ás novas necesidades que xorden neste servizo e que se consideran imprescindibles, xa que se trata dun servizo social fundamental para garantir a atención das persoas dependentes e facilitar a permanencia no seu entorno habitual.

Obxectivos do servizo de axuda no fogar
Na maior parte dos casos a través do Servizo de Axuda no Fogar aténdese a persoas maiores con déficits de autonomía e persoas con discapacidade, especialmente cando carecen de apoio persoal no seu medio inmediato, así como fogares con menores, cando se observa a necesidade dunha intervención de carácter socioeducativo. Os obxectivos básicos do servizo de axuda no fogar son: mellorar a calidade de vida das persoas usuarias; posibilitar a permanencia das persoas no seu contorno de convivencia habitual; favorecer e potenciar a autonomía persoal no propio domicilio; manter, mellorar e recuperar as redes de relación familiar e social; previr situacións de dependencia ou exclusión social; e retardar ou evitar a institucionalización.

Para dar cumprimento a estes obxectivos poden prestarse, entre outras, tarefas de carácter persoal na realización de actividades básicas da vida diaria (aseo, levantarse e deitarse, control do réxime alimentario, axuda e control da medicación prescrita,...) ou na realización doutras tarefas da vida diaria (acompañamento a consultas ou tratamentos, apoio psicosocial,...). Existe unha oficina nos servizo sociais do Concello para a xestión deste programa que atende á veciñanza de luns a venres, en horario de 09:00 a 13:30 horas, ou no correo electrónico saf@concellodeames.gal.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Atendo Calidade comienza a gestionar el Servizo de Axuda no Fogar de Ames"
El Correo Gallego: "O servizo amiense de axuda no fogar inclúe podoloxía, perruquería e enfermería"