Pestanas principais

O Concello de Ames incorpórase ás novas tecnoloxías e aforra máis de 5.000 euros ao mes respecto da situación existente a través do acordo acadado coa empresa Vodafone

Sábado, 05 de novembro de 2011

[05-11-2011] O responsable rexional de Vodafone, Francisco Vallejo Torres, e o alcalde amiense, Santiago Amor, chegaron a un acordo que lle permitirá ao Concello de Ames estar na vangarda tecnolóxica das comunicacións e ademais suporá un aforro mensual de máis de 5.000 euros. Trátase dun contrato integral de voz e datos que mellorará a comunicación e dotará ao persoal do Concello de datos e voz no móbil, o cal redundará nunha mellor comunicación. A partir de agora haberá dúas fases de implantación, a primeira fase terá unha duración aproximada de 10 días, e nela implantarase a liña de voz, na segunda fase implantarase a liña de datos e durará arredor de tres meses.

Por primeira vez as distintas sedes municipais de Milladoiro e Bertamiráns estarán unidas por unha liña de alta capacidade, o que constitúe o primeiro paso e resulta condición imprescindible para dotar ao concello da administración electrónica. O novo contrato implica un aforro do 47% con respecto ao anterior. O Concello pagaba en concepto de liña de datos, telefonía e mantemento dos mesmos, preto de 11.500 euros e agora pasará a pagar arredor de 6.100 euros ao mes. O aforro de 5.200 euros sae dunha diminución en tarifa do 40% con respecto á anterior e dunha nova xestión de centraliñas e de comunicación.

Ademais do aforro do acordo firmado esta mañá supón unha mellora substancial nas comunicacións móbiles, fixas e de datos, e permite ter un control exhaustivo e detallado de cada posto. Isto permitirá ter un control incluso por extensión, cuestión que non acontecía ata o de agora. Por outro lado, cada persoa terá un único número independentemente de que sexa usuario de móbil ou de fixo.

Ademais este sistema dará ao Concello autonomía na programación dos servizos de centraliña sen depender dun terceiro, o que provocará máis axilidade e menor custe ao ter a capacidade os técnicos informáticos do Concello de programar a centraliña. Outra das vantaxes é que os usuarios de móbil terán integrados tamén datos, de xeito que as comunicacións internas se realicen de forma máis áxil e cun menor custe xa que poderán recibir correos electrónicos e datos online. Desaparece tamén o cable e todos os teléfonos serán a partir de agora inalámbricos.

Despois de recibiren traballadores municipais a formación correspondente, o Concello terá a xestión directa de todo este dispositivo de comunicacións.



Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Amor firma un acuerdo con Vodafone para mejorar las comunicaciones"