[16-05-2013] A xestión levada a cabo polo Concello de Ames e o esforzo realizado neste eido fai posible que hoxe a Xunta de Goberno Local aprobase os proxectos e dese luz verde ao inicio do proceso de contratación das obras incluídas no Plan de Obras e Servizos da Deputación Provincial correspondente ao ano 2013. Deste xeito, axilízanse os prazos e impúlsase a posta en marcha destas obras, que en anos anteriores levaron unha tramitación máis prolongada.
A contía asignada ao Concello de Ames dentro do POS 2013, un plan aprobado en pleno en xaneiro grazas ao apoio do grupo socialista, ascende a 494.561,92 euros, dos que máis de 340.772 investiranse na realización das cinco obras das que hoxe se comezou o proceso de contratación. A porcentaxe dedicada a obras no POS 2013, máis do 68%, é a maior dos últimos anos, nos que se destinou pouco máis do 50%. A pavimentación e mellora de viais e accesos centran o groso das actuacións que se acometerán en Ames con cargo ao financiamento do POS 2013, entre as que tamén se inclúen a construción dun aparcamento nas inmediacións do Centro de Formación Aldea Nova e a reforma e ampliación dos vestiarios do Pavillón Polideportivo de Bertamiráns.
O Concello de Ames aprobou hoxe o inicio do proceso de contratación destes cinco proxectos que forman parte do POS 2013: o acondicionamento de espazo exterior para zona de aparcamento anexo ao centro de formación ocupacional e usos múltiples de Aldea Nova, a reforma dos vestiarios do Pavillón Polideportivo de Bertamiráns e ás actuacións sobre o estado de varias estradas municipais. Entre estas últimas atópanse: o camiño Bertamiráns- Barreira-Ponte de Lapido, a estrada Capeáns-Igrexa de Covas ou o camiño cruce Insua-Novais-Gasamáns.
Características das obras
Deste xeito, destinaranse 92.978,29 euros á construción dun aparcadoiro nas inmediacións do Centro de Formación Aldea Nova, que recentemente comezou as súas actividades. Con cargo ao POS 2013 tamén se acometerá a reforma dos vestiarios no Pavillón Polideportivo de Bertamiráns, unha obra á que se dedicarán 59.363,87 euros. Estes traballos consisten en reorganizar e optimizar o aproveitamento do espazo existente baixo as gradas do pavillón para duplicar os vestiarios, pasando de dous a catro.
Outro conxunto de obras do POS 2013 están orientadas a mellorar as condicións do firme de varios camiños do municipio, co obxectivo de mellorar as súas condicións de seguridade e a circulación por estas zonas. Deste xeito, destinaranse 74.877,98 euros a levar a cabo as obras de mellora na capa de rodaxe do camiño Bertamiráns-Barreira- Ponte de Lapido e no camiño Igrexa- Campo de fútbol-A Tarroeira (Ortoño). Durante o pasado ano realizáronse actuacións en diversas parroquias e detectouse que o firme destas estradas se atopaba en estado defectuoso, polo que se fai necesario actuar sobre elas.
Tamén se destinarán un total de 42.156,40 euros á mellora na capa de rodaxe do camiño no cruce Insua-Novais-Gasamáns, camiño Galiñeiro, interior de Pedras, Camiño de Castelo e interior en Castelo. Estas actuacións, nas parroquias de Agrón e Ames, permitirán mellorar o estado no que se atopan estas vías como consecuencia da instalación de alcantarillado. Os traballos consistirán na aplicación de tratamento asfáltico, no rego e selado da plataforma e contemplase, ademais, a apertura e limpeza de gabias e limpeza de salvagabias.
Por último, consignaranse 71.395,49 euros para os traballos de mellora na capa de rodaxe nos camiños Capeáns-Igrexa de Covas, pavimentación do camiño de Rosaleda e camiño interior de Paraxó. As obras nestas zonas, situadas nas parroquias de Covas e Ortoño, permitirán mellorar a circulación dos vehículos que transitan por elas.




