[24-02-2014] A Casa da Cultura de Bertamiráns acolleu onte pola tarde o acto de celebración do Día de Rosalía de Castro. Na conmemoración do 177 aniversario do nacemento da escritora galega, o Concello de Ames lembrou cunha homenaxe literaria e musical a Rosalía. A música correu a cargo do grupo de pandereteiras As Maianas e da Coral Polifónica Antonio Santomil de Bugallido. Na lectura de poemas interviñeron o poeta, Carlos Negro, a critica literaria, Dolores Vilavedra, que leu o último poema en galego descuberto de Rosalía de Castro, “Dinche o corazón”, e un grupo de rapaces e rapazas dos centros de ensino de Ames, que leron diferentes poemas da escritora homenaxeada. A este evento asistiu o alcalde de Ames, Santiago Amor, a concelleira de Cultura, María Eugenia Martín, o concelleiro de Educación, Bernardo Moar, e varios concelleiros/as da corporación municipal amiense.









Visita á Casa Museo de Rosalía de Castro
Por outra banda, o Concello de Ames realizou unha excursión durante o sábado pasado na que un grupo de veciños e veciñas de Ames visitaron a Casa da Tarroeira, situada na parroquia de Ortoño, onde viviu Rosalía de Castro durante a súa infancia, e a Casa Museo de Rosalía de Castro, que se atopa en Padrón. Esta actividade enmarcouse dentro da programación que organizou o Concello para celebrar o Día de Rosalía.
Primeiro os participantes achegáronse ata a Casa da Tarroeira onde viviu Rosalía de Castro ata 1842, cando, tras cumprir 4 anos foi vivir coa súa nai para Padrón. A continuación, os veciños e veciñas amienses que participaron nesta visita foron en autobús ata a Casa Museo de Rosalía de Castro. Unha vez alí, os participantes recibiron unha explicación sobre a vida e a obra da escritora galega e puideron ver todas as obras que están expostas na Casa Museo. Cómpre destacar que todos os participantes puideron ver o único retrato de Rosalía que foi feito cando a escritora vivía. Este cadro está exposto dende hai pouco tempo na Casa Museo de Padrón.
Un ano máis o Concello de Ames volveu a conmemorar o Día de Rosalía de Castro. Nesta ocasión o evento desenvolveuse na Casa da Cultura de Bertamiráns o domingo pola tarde. O acto estivo presentando pola xornalista Nazaret Rodríguez e contou coa colaboración do poeta, Carlos Negro, e da profesora e critica literaria, Dolores Vilavedra, que forma parte da Fundación Rosalía. Carlos Negro recitou o poema A xustiza pola man, mentres que Dolores Vilavedra encargouse de darlle lectura ao último poema en galego descuberto de Rosalía de Castro, Dinche o corazón.
O evento comezou coa actuación do grupo de pandereteiras As Maianas. De seguido, proxectouse un vídeo feito por tódolos alumnos e alumna da Escola infantil do Milladoiro no que recitaron o poema Turra, turra Xan pola burra. Trala proxección deste vídeo comezouse coa lectura dos poemas da escritora galega. Na lectura de poemas colaboraron os centros de ensino de Ames. Varios alumnos/as do CEP de Ventín, do CEIP Agro do Muíño, do CEIP de Barouta e do IES de Bertamiráns leron varios poemas de Rosalía de Castro.
O alcalde de Ames, Santiago Amor, agradeceulle a Carlos Negro e Dolores Vilavedra a súa presencia neste acto, así como a os alumnos e alumnas dos centros de ensino de Ames por colaborar nesta iniciativa. A este acto tamén asistiron a concelleira de Cultura, María Eugenia Martín, o concelleiro de Educación, Bernardo Moar, e os edís da corporación municipal Pilar Candocia, Susana Mayo, Francisco Villaverde e Ramón García Argibay. 




