Pestanas principais

O Concello de Ames homenaxea aos 42 voluntarios/as que colaboran coa OVA na I Gala do voluntariado

Venres, 06 de decembro de 2019

Coincidindo coa conmemoración do Día internacional do voluntariado, este xoves 5 de decembro, a Concellaría de Benestar Social organizou a primeira edición da Gala do voluntariado de Ames onde se homenaxeou aos 42 voluntarios/as que colaboran coa Oficina municipal de Voluntariado de Ames (OVA). En dito acto entregóuselle aos/ás voluntarios/as un carné e un pendrive conmemorativo da OVA. Tamén se lle entregou un galardón aos/ás catro voluntarios/as máis veteranos/as. O grupo folk Os D´Abaixo amenizaron o acto coa súa música.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Benestar Social, celebrou a primeira edición da Gala do voluntariado de Ames onde se homenaxeou aos 42 voluntarios/as que colaboran coa Oficina municipal de Voluntariado de Ames (OVA). Este departamento municipal desenvolve ao longo do ano programas de acción social, de atención socioeducativa, así como outros programas de acción voluntaria e sociocomunitarios.
 
Durante estes 17 anos, máis de 360 voluntarios/as colaboraron con este departamento municipal. Na actualidade, 42 voluntarios/as colaboran activamente coa Oficina municipal de voluntariado nas diferentes accións voluntarias desenvolvidas. Dentro do abano de perfís de voluntarios/as, destacan as persoas xubiladas e/ou prexubiladas, así como as mulleres de mediana idade. Todas as actividades están dirixidas e supervisadas polo coordinador da OVA, Rubén Ramos.
 
A concelleira e Benestar Social, Luísa Feijóo, destacou no transcurso da Gala que "Ames é un concello diverso e solidario, que conta cunha gran riqueza xa que ten un amplo voluntariado social como son todos e todas as que hoxe estades aquí. Despois de mais de 23 talleres impartidos e máis de 15 anos traballando na Oficina do Voluntariado de Ames era máis que necesario facer esta pequena homenaxe. Moitas gracias polo traballo que facedes porque axudades a facer mellor a vida dos demais e axudades co voso coñecemento".
 
O alcalde de Ames, Jose Miñones, dixo “hoxe é un día especial para nós por celebrar esta primeira Gala do voluntariado que é un xeito de devolvervos o traballo que facedes de forma desinteresada. Alá polo ano 2002 botaron a andar os primeiro proxectos e apareceron as primeiras persoas interesadas en aquelo que era tan descoñecido como o voluntariado. Apareceron persoas como o falecido Manuel Oitavén, promotor do curso de viticultura. No ano 2003 chegan outras persoas como Dolores Somoza, para dar clases de xeito itinerante. En 2004 poríanse en marcha as Escolas integrais de maiores, que aínda seguen funcionado na actualidade. Pouco despois sumábanse Esther Esperante e Dolores Gómez para montar o Roupeiro municipal na parroquia de Biduído”.
 
Entrega de galardóns
Durante o transcurso do acto, que se realizou na Casa da Cultura do Milladoiro, entregóuselle ao voluntarios/as o carné anual renovado co novo logotipo da OVA e un pendrive conmemorativo.
 
Ademais, houbo unha proxección moi especial relacionada con estes/as catro voluntarios/as que foron os/as primeiros/as en colaborar coa OVA. Proxectouse un vídeo dun programa da TVG “O país dos ananos”, gravado hai 10 anos, onde un neno Adrián López Caamaño, entrevista a esas catro pioneiras do voluntariado amesá.
 
O propio Adrián López, xunto ás autoridades municipais, foron os encargados de facerlle entrega dun galardón aos/ás catro voluntarios/as máis veteranos/as, que foron pioneiros no voluntariado de Ames. Elas son Dolores Somoza, Esther Esperante, Dolores Gómez e Manuel Oitaven. Este último faleceu polo que o galardón recolleuno o seu fillo.
 
O coordinador da OVA, Ruben Ramos, incidiu “que os inicios foron difíciles e un pouco desesperantes, pero aí foi onde apareceron os e as pioneiras para poñer en marcha este proxecto. Hai que agradecer a todas aquelas persoas que se achegaron a nós para compartir o seu tempo e o seu bo facer. No voluntariado de Ames todos os anos damos un paso cara diante para mellorar, e así fomos medrando ata a actualidade. Agradézovos o voso traballo e bo facer, porque sen vós todo isto non sería posible”.
 
Tamén falaron un dos voluntarios máis veteranos como é Antonio Rodríguez, que dá clase nas Escolas integrais de maiores, e unha voluntaria, Marité, que comezou a súa andadura na OVA hai un mes impartindo o obradoiro de decoración e interiorismo.
 
Por outra banda, expúxose unha mostra fotográfica na entrada da Casa da Cultura do Milladoiro con fotografías dende decembro de 2002, momento no que se puxo en marcha a Oficina de Voluntariado de Ames, ata a actualidade.
 
Para animar a Gala contouse coa actuación musical de Os D´Abaixo e rematouse o acto cun brinde de Nadal cos todos os voluntarios e voluntarias.
 
 
Novas relacionadas:
 
Imaxe da Gala do voluntariado de Ames

Multimedia

  • Imaxe da Gala do voluntariado de Ames
  • Imaxe da Gala do voluntariado de Ames
  • Imaxe da Gala do voluntariado de Ames
  • Imaxe da Gala do voluntariado de Ames
  • Imaxe da Gala do voluntariado de Ames
  • Imaxe da Gala do voluntariado de Ames
  • Imaxe da Gala do voluntariado de Ames
  • Imaxe da Gala do voluntariado de Ames
  • Imaxe da Gala do voluntariado de Ames
  • Imaxe da Gala do voluntariado de Ames
  • Imaxe da Gala do voluntariado de Ames
  • Imaxe da Gala do voluntariado de Ames
  • Imaxe da Gala do voluntariado de Ames
  • Imaxe da Gala do voluntariado de Ames
  • Imaxe da Gala do voluntariado de Ames