Pestanas principais

O Concello de Ames habilita unha nova senda polas beiras do rego dos Pasos

Sábado, 30 de setembro de 2017

[30-09-2017] Esta mañá o concelleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, Javier García, xunto co concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, percorreron a nova senda peonil que discorre pola beira esquerda do rego dos Pasos. Estiveron acompañados das técnicas do departamento de Medio, Ambiente, da arquitecta municipal, do responsable da empresa encargada de acondicionar a ruta e dunha xornalista da radio municipal. Esta nova ruta comeza na localidade de Bertamiráns e remata no muíño de Covas. O obxectivo é que chegue ata o lugar de Pousada, e incluso, que enlace co Camiño de Santiago a Fisterra-Muxía. No acondicionamento desta nova ruta ambiental investíronse 18.500 euros.


O concello de Ames dispón dunha nova ruta ambiental que discorre pola marxe esquerda do rego dos Pasos. Esta mañá membros do goberno municipal e persoal municipal percorreron esta ruta, polo que xa está rematada para que todos os veciños e veciñas que o desexen a poidan percorrer andando ou en bicicleta. Esta senda discorre pola marxe esquerda do rego dos Pasos. Actualmente ten unha lonxitude de 2 quilómetros de ida e outro 2 km de volta. A entrada provisional está situada na rúa do Lodeiro, en Bertamiráns, aínda que vaise poder acceder dende o paseo fluvial.

Esta nova senda peonil pasa polos lugares de Loureiros e Capeáns ata chega ao muíño de Covas. Dende este punto ata a aldea de Pousada continua un sendeiro, que aínda está sen acondicionar, pero que está previsto que sexa acondicionado tamén para incrementar a lonxitude de dita ruta. Incluso tense pensado que enlace co Camiño de Santiago a Fisterra-Muxía. Trátase dunha senda moi cha e facilmente practicable, tanto a pé como en bicicleta, e que permite pasar do entorno urbano ao natural nun par de minutos, facilitando deste xeito o coñecemento do medio e da flora e fauna dos regatos.

O concelleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, Javier García, destacou que se trata “dunha ruta con moito carballo, hai moitas árbores frondosas que fan dela unha ruta moi fresca, ideal para o verán. Nesta primeira fase de acondicionamento, a pavimentación chega ata o muíño de Covas, porén esperamos que no futuro chegue ata o propio lugar de Pousada. Ademais, permítenos mudar do entorno urbano ao natural moi rápido, facilitando o coñecemento do medio e da flora e fauna dos regatos”.

Esta actuación, que tivo un custe de 18.500 euros, sufragouse a través do Plan Provincial de Medio Ambiente da Deputación da Coruña. Dentro deste mesmo plan o Concello de Ames dispuxo dunha partida de 17.637 euros para a contratación dunha brigada de xestión dos espazos naturais. Para realizar estas obras contouse coa autorización previa de Augas de Galicia. A normativa establece que este tipo de sendeiros pódense executar nos 5 metros que hai dende a beira da canle do rego. Tendo en conta isto, a nova senda construíuse deixando un espazo de 3,5 metros dende o rego, para poder realizar posibles traballos de repoboación no rego dos Pasos. A senda dispón dun ancho de 1,5 metros.

Por outra banda, o concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, salientou “sorpréndeme gratamente o feito de que nos teñamos atopado ao longo da camiñada con varias persoas, tanto en bicicleta como a pé, facendo este percorrido. A ruta resulta moi agradable e é fácil de realizar; aínda así sempre hai cousas mellorables, polo que nos vindeiros meses tentaremos facer un par de áreas de descanso e merendeiros, que permitan pararse a contemplar ben o entorno”.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Abren o novo roteiro pola beira esquerda do rego dos Pasos"