[06-03-2012] Por primeira vez, o Concello de Ames pon en marcha este xoves, 8 de marzo, un sistema on line para que os usuarios/as dos servizos complementarios poidan preinscribirse e renovar praza na rede de comedores escolares e nos programas Bos días cole e Tardes divertidas de forma telemática. Deste xeito dáse o primeiro paso para a implantación da Administración electrónica. Para facer esta operación tan só é preciso entrar na web municipal e premer no banner que está na cabeceira do portal municipal. Unha vez feita a preinscrición ou renovación haberá que imprimir un resgardo que se entregará no Rexistro Municipal. Os veciños/as que non dispoñan das ferramentas informáticas necesarias para realizar estas xestións poderán acudir ao departamento de educación de Bertamiráns ou as oficinas municipais do Milladoiro. Alí o persoal municipal realizará estes trámites por eles de forma telemática.
O Concello de Ames abre o prazo de preinscrición e renovación para os servizos complementarios da rede de comedores escolares, Bos días cole e Tardes divertidas para todos aqueles pais e nais que desexen seguir beneficiándose destes programas no próximo curso escolar 2012-2013. Este ano, por primeira vez, o goberno municipal habilita un servizo on line para poder facer as xestións de preinscrición e renovación nos servizos complementarios. O prazo para poder facer estas xestións estará aberto entre o 8 de marzo e o 13 de abril. Posteriormente, a partir do mes de xuño abrirase o prazo para formalizar a matrícula de cara ao vindeiro curso 2012-2013.
O goberno municipal pon en funcionamento este sistema para tratar de facilitar os trámites administrativos que teñen que realizar os usuarios/as dos servizos complementarios. Dende o Concello de Ames recoméndase realizar estas xestións de forma telemática para axilizar o proceso de preinscrición e renovación nos servizos complementarios. As persoas que non dispoñan das ferramentas informáticas necesarias para poder facer esta xestión de forma on line terán a súa disposición ao persoal do departamento municipal de Educación. Deberán achegarse ata o Departamento de educación de Bertamiráns ou as oficinas municipais do Milladoiro. Alí o persoal municipal realizará estes trámites por eles de forma telemática.
Sistema de renovación e preinscrición on line
O sistema de renovación e preinscrición on line para os servizos complementarios estará operativo o día 8 de marzo coincidindo co inicio do prazo que se establece para realizar estas xestións administrativas. Para poder acceder ao sistema telemático os usuarios/as teñen que premer no banner colocado na cabeceira da web municipal. Ao premer neste banner entrarán noutra páxina web onde poderán realizar todas as operación de renovación e preinscrición. Primeiro terá que darse de alta no servizo como novo usuario/a. Para iso hai que premer en crear conta. Despois xa se poderá iniciar sesión para facer as xestións que se estimen oportunas. Unha vez feita a preinscrición ou renovación haberá que imprimir un resgardo que se entregará no Rexistro Municipal. As persoas que non poidan achegarse pola semana ata a Casa do Concello deben saber que o Rexistro Municipal abre os sábados polas mañás, en horario de 9:00 h a 14:00 horas.
Ademais, entrando nesta páxina web os usuarios/as dispoñen dun simulador de cotas. Introducindo os datos que se solicitan os veciños/as amiense poderán saber que cota terán que pagar por ser usuarios/as de calquera dos servizos complementarios.
Os usuarios/as que desexen obter praza por primeira vez terán que realizar a correspondente preinscrición, mentres que os que xa estean de alta nestes servizos actualmente poderán renovar a súa praza. No caso de non realizar a renovación no período de tempo estipulado perderase a praza. O mesmo acontece se teñen algunha débeda pendente co Concello de Ames.
Servizos complementarios
Estes servizos, teñen como principal obxectivo conciliar a vida familiar e laboral de todos os veciños e veciñas de Ames. Durante este curso son 1.417 os nenos e nenas que participan nas actividades dos servizos complementarios, o que amosa o éxito destes programas educativos.
O servizo da rede de comedores escolares, do que na actualidade se benefician un total de 1.071 nenos/as, está dirixido ao alumnado de infantil e primaria, funcionando actualmente no CEIP A Maía, no CEIP Agro do Muíño, no CEIP de Barouta, no CEP de Ventín e na Escola de Educación Infantil do Milladoiro. Con este programa realízase por unha parte un servizo público, facilitando aos cidadáns a conciliación da vida laboral e familiar e por outra, un proxecto educativo no que o obxectivo é que o alumnado aprenda hábitos alimentario sans e un correcto comportamento na mesa, así como as normas básicas de hixiene, respecto, tolerancia, convivencia e educación en igualdade.
Os programas Bos Días Cole e Tardes divertidas desenvólvese tamén en cinco centros educativos como son o CEIP A Maía, o CEIP Agro do Muíño, no CEIP de Barouta, no CEP de Ventín e na EEI Milladoiro. Ambos os dous programas están dirixidos ao alumnado de 2º ciclo de Educación Infantil e Primaria. Actualmente no Bos Días Cole participan 235 usuarios/as, mentres que no programa Tardes Divertidas participan un total de 111 usuarios.
Para máis información pódese poñer en contacto co departamento de Educación en Bertamiráns chamando ao teléfono 981 891 476.




