- Tematica
Todos os anos durante a época estival a área recreativa de Tapia convértese nun punto de referencia non só para a veciñanza de Ames, senón tamén para todos os veciños e veciñas da comarca de Santiago de Compostela, que buscan un lugar onde poder refrescarse e relaxarse durante os seus momentos de lecer. Deste xeito a área recreativa de Tapia preséntase como unha alternativa ao mar e aos grandes areais da costa galega onde todos os bañistas poden tomar un baño e deitarse ao sol. Para que os veciños e veciñas de Ames poidan achegarse ata a praia fluvial o Concello de Ames habilita do 14 e xullo ao 13 de agosto un servizo gratuíto de autobús, que sairá ás 15.30 horas desde O Milladoiro e realizará parada en Bugallido, Agro do Muíño e Bertamiráns. O regreso será ás 20.00 horas coas mesmas paradas que no percorrido de ida. Dito servizo funcionará os luns, mércores e venres.
Durante o verán aparte de area, sol e mar existen moitas outras opcións para gozar e divertirse. Unha desas alternativas é a área recreativa e fluvial de Tapia. A auga ten un papel fundamental no concello de Ames, asentado en boa parte no val do río Sar, atravesado por unha multitude de regatos e bordeado ao norte polo río Tambre. Por todo isto, Ames é un lugar de excepción para coñecer a flora e a fauna propia da ribeira dos ríos.
Aproveitando o caudal do río Tambre, dende o ano 1982 está funcionando a área recreativa de Tapia co fin de ser unha alternativa as costas galegas durante o período estival. Nun primeiro momento só existía a zona de baño da praia fluvial pero posteriormente construíronse os vestiarios. Despois duns anos funcionando acondicionouse de novo toda a área recreativa tirando os antigos vestiarios e construíndo uns novos, ademais de levar a cabo o resto de instalacións que existen na actualidade.
Pero esta área recreativa non só serve para refrescarse e deitarse ao sol porque ofrece moitas outras posibilidades. Neste lugar pódese gozar das instalacións de piragüismo das que dispón o Club de Piragüismo Ribeiras do Tambre, que en colaboración coa Concellaría de Deportes, está levando a cabo diferentes cursos de iniciación ao piragüismo durante os meses de verán. Ademais, durante os meses de xullo e agosto a área recreativa de Tapia acolle as xornadas de inicio e de peche dos Seráns de Ames.
Tamén se pode gozar da beleza das súas paisaxes realizando unha ruta de sendeirismo polo regato do Andoriña, que ten a praia fluvial de Tapia como punto de saída e retorno. Ademais hai zonas habilitadas para merendar con bancos e mesas e para poder facer de xantar. Un xeito distinto de saír cos amigos e pasar un momento agradable nos momentos de lecer.
Servizo gratuíto de autobús
Este ano, como novidade, o Concello vai habilitar un servizo gratuíto de autobús os luns, mércores e venres, para que os veciños e veciñas de Ames que o desexen poidan achegarse ata a praia fluvial. Dito servizo funcionará do 14 e xullo ao 13 de agosto, con posibilidade de ampliar dito período. O autobús sairá ás 15.30 horas desde O Milladoiro e realizará parada en Bugallido, Agro do Muíño e Bertamiráns. O regreso será ás 20.00 horas coas mesmas paradas que no percorrido de ida.
Localización das paradas:
-O Milladoiro - Parada do novo centro de saúde.
-Bugallido - Ao carón da farmacia.
-Ortoño/Agro do Muíño - Parada das Cortes.
-Bertamiráns – Rúa Alcalde Lorenzo, nas inmediacións da Casa do Concello.
Con este servizo o Concello trata de facilitar os desprazamentos ata a praia fluvial de Tapia durante o período estival. Trátase dun novo servizo para que a veciñanza, ademais de poder gozar das piscinas municipais descubertas de Bertamiráns e do Milladoiro, poida acudir á área recreativa de Tapia que dispón dunha extensión total de 15.000 metros cadrados.
Por outra banda, son moitas as persoas que se achegan ata esta área recreativa porque ademais de dispor dunhas instalacións en bo estado tamén hai unha ampla zona destinada a aparcadoiro. Isto é un factor determinante a hora de acudir a este lugar porque dispón dun aparcadoiro seguro onde deixar o teu vehículo.
Para todos aqueles que queiran xogar ou estar a sombra tamén hai un espazo para eles porque esta área dispón dunha zona de céspede onde todos os cativos, e os non tan cativos, poden xogar a pelota ou aos naipes e por suposto tamén poden estar deitados a sombra baixo algún dos carballos ou castiñeiros que hai neste lugar.
Novas relacionadas:
Diario de Santiago: "O Concello de Ames habilita un servizo gratuíto de autobús para achegarse ata a praia fluvial de Tapia"
AMSGO!: "O Concello habilita un servizo gratuíto de autobús ata a praia fluvial de Tapia"









