- Tematica
O Concello de Ames sumouse á convocatoria da FEGAMP para condenar a ofensiva militar e o bloqueo humanitario executado polo goberno israelí contra o pobo palestino en Gaza. Por ese motivo, este venres, 19 de setembro de 2025, ás 12.00 horas, gardouse un minuto de silencio diante da Casa do Concello, en Bertamiráns, e das Oficinas de Servizos Sociais no Milladoiro. Deste xeito, o Concello de Ames amosa o seu compromiso con dita causa como institución democrática firmemente comprometida cos valores da paz, da xustiza e os dereitos humanos.
O acto de concentración comezou co alcalde, Blas García, agradecendo a presencia de todas as persoas que acudiron ao minuto de silencio. “Este é un acto que deberíamos ter feito xa hai tempo, pero nunca é tarde cando se acaba facendo. Trátase dun acto acordado entre todos os Concellos que formamos parte da Federación Galega de Municipios e Provincias”.
Ademais, deu lectura a un fragmento dun artigo publicado por Mariam Martínez-Bascuñán no xornal El País no pasado mes de xullo, que segundo o alcalde “pon de manifesto o que está pasando en Gaza, que aparte do xenocidio que se está cometendo, di que o problema está nos intereses políticos e económicos que fan que miremos cara outro lado”.
A continuación gardouse un minuto de silencio. A través deste acto condenouse a ofensiva militar e o mantemento do bloqueo humanitario executado polo goberno de Israel contra o pobo palestino de Gaza. Moitos dos participantes amosaron bandeiras de Palestina e berraron cánticos a favor do pobo palestino.
Deste xeito, o Concello de Ames amosa o seu compromiso con dita causa como institución democrática firmemente comprometida cos valores da paz, da xustiza e os dereitos humanos.
Novas relacionadas:
AMSGO!: "Ames garda un minuto de silencio en solidariedade co pobo palestino en Gaza"
Diario de Santiago: "O Concello de Ames garda un minuto de silencio en solidariedade co pobo palestino en Gaza"










