[06-02-2011] O alcalde de Ames, Carlos Fernández, acaba de asinar un contrato co Banco Bilbao Vizcaya Argentaria para levar a cabo unha operación de tesouraría, articulada a través da apertura dunha conta de crédito cun límite máximo de 2.845.000 euros. Esta operación, que se vén subscribindo todos os anos, permitiralle á Administración local dispor de certa liquidez para o pagamento de facturas á provedores, mentres non recada unha cantidade que se achega aos cinco millóns de euros procedentes do imposto sobre bens inmobles. Esta operación de tesourería foi aprobada en Xunta de Goberno Local, en sesión extraordinaria, o pasado 31 de xaneiro.
A tesouraría do Concello de Ames, como consecuencia da configuración do calendario do contribuínte, no que o tributo de maior capacidade recadadora (o imposto sobre bens inmobles) se recada a finais de ano, alterna picos moi acusados de ingresos con períodos de falta de liquidez, o que implica un inevitable adiamento nos pagos aos distintos provedores.
Debido a este motivo, a Administración local, está a subscribir nos últimos exercicios unha operación de tesourería articulada a través dunha conta de crédito. No pasado mes de decembro expirou a vixencia do último contrato e seguindo a mesma liña de actuación esta mesma semana procedeuse a contratación dunha nova liña de crédito, posto que subsiste a necesidade de garantir a necesaria liquidez para o correcto funcionamento do Concello, á marxe dos picos de tesouraría, consecuencia do calendario do contribuínte.
Esta operación non é un novo préstamo para o Concello senón que consiste nun anticipo do que o Concello ingresa ao final do ano a través do imposto sobre bens inmobles, máis coñecido popularmente como "a contribución", que ronda os 5 millóns de euros. Un pico de ingresos de 5 millóns de euros ao final do ano deixa sen liquidez ao Concello durante o resto do ano, por iso se vén subscribindo esta operación de tesouraría a modo de adianto.
Antes de asinar o contrato a comisión designada nas bases reguladoras para a contratación desta operación procedeu a revisar as ofertas presentadas dentro do prazo sinalado nas bases e decidiu elixir a oferta presentada polo Banco Bilbao Vizcaya Argentaria.
O alcalde de Ames, Carlos Fernández, explica "acabamos de formalizar unha conta de crédito que nos permite dispor dunha cantidade que poder chegar como máximo aos 2,8 millóns de euros para facer fronte ao pagos que temos que efectuar todos os días mentres non ingresamos as contías procedentes do imposto sobre bens inmobles".
Aqueles Concellos que están dentro da rede de recadación da Deputación da Coruña, como era o caso de Ames ata o ano 2002, van recibindo eses adiantos cada mes para poder facer fronte aos pagamentos que teñen que efectuar todos os días. O Concello de Ames non está incluído dentro desta rede provincial polo que ten que buscar outras alternativas para poder dispor de liquidez ao longo de todo o ano.
Segundo indica Fernández "os Concellos teñen que ir pagando mes a mes. Os que están na rede provincial da Deputación da Coruña van recibindo mes a mes un adianto destes cartos que recadaran ao final do ano mediante o imposto sobre bens inmobles. O resto de Concellos teñen que buscar outras alternativas. Unha das posibilidade é subscribir unha operación de tesouraría a curto prazo cunha entidade bancaria que lle permita ter un adianto desa contía para dispor de maior liquidez".
Fondo de Cooperación Local
Carlos Fernández destaca que "tan importante é que os Concellos teñan liquidez todos os mes meses para facer fronte aos seus pagamentos que a Xunta de Galicia acaba de aceptar a iniciativa que eu mesmo lle presentei como presidente da FEGAMP, para que as achegas que realiza procedentes do Fondo de Cooperación Local, que nos viñan pagando ata o 1 de xaneiro de 2001 de xeito trimestral, a partir desa data van facelo en achegas mensuais".
O rexedor municipal tacha de "conduta irresponsable a adoptada polo PP de Ames xa que recentemente publicaron que Ames solicitaba un novo crédito por valor de 2,8 millóns de euros cando en realidade non é así porque se trata simplemente dunha conta de crédito que se devolve completamente antes do 31 de decembro de cada ano no momento en que se recada o IBI, máis coñecido como a contribución".
Fernández remata dicindo "se a estas alturas da lexislatura o voceiro do grupo municipal popular aínda non se decataron da diferencia que existe entre o que é un préstamo a longo prazo e unha conta de crédito vinculada a un capítulo da nosa recadación, resulta moi pouco fiable como edil capacitado para asumir altas responsabilidades municipais. Ademais, se é capaz de diferenciar entre préstamo a longo prazo e conta de crédito o que está facendo é mentirlle a toda a cidadanía amiense e crear unha pésima imaxe inxustificada do Concello como institución. Iso sería unha postura totalmente inxustificable".
A nova noutros medios dixitais:
Contido relacionado
El Correo Gallego: "Ames recurre a una operación de tesorería para asegurar su liquidez"




