[01-09-2014] O Goberno municipal de Ames garante que durante o curso 2014-2015 o servizo municipal de comedores escolares desenvolverase con total normalidade. O Concello de Ames sacou a licitación a adxudicación deste servizo, pero as dúas empresas que se presentaron a este concurso comunicaron a súa renuncia a prestar o devandito servizo, polo que o proceso quedou deserto.
O Goberno municipal de Ames está traballando para que o servizo da Rede Municipal de Comedores Escolares do Concello de Ames, un dos servizos municipais máis importantes, comece a funcionar con total normalidade o vindeiro mércores, 10 de setembro, coincidindo co inicio do curso escolar 2014-2015. Este ano o Concello de Ames sacou a licitación a adxudicación deste servizo, pero as dúas empresas que se presentaron a este concurso comunicaron a súa renuncia a prestar o devandito servizo, polo que o proceso quedou deserto.
O motivo principal esgrimido polas dúas empresas é o conflito laboral sostido pola anterior adxudicataria cos seus traballadores, sobre o que recaeu unha sentenza xudicial que recoñece un incremento salarial dos monitores. Este incremento non figuraba no tipo de licitación. Cómpre lembrar que o procedemento de licitación está suxeito polo seu importe a prazos de tramitación especiais, por ser susceptible de recurso especial en materia de contratación.
A pesar diso, o alcalde de Ames, Santiago Amor, explicou que “neste momento estase a traballar para que o servizo da Rede Municipal de Comedores Escolares do Concello de Ames comece a prestarse con total normalidade o vindeiro 10 de setembro. Para iso asinarase un contrato administrativo. Dende a concellaría de Educación xa se están realizando xestións para poder prestar este servizo con total garantía dende o primeiro día de curso”.
Dende o goberno municipal explican que “nos vindeiros días dará comezo un novo procedemento de licitación, que incorporará a circunstancia acaecida no marco da anterior tramitación, derivada do conflito existente entre a anterior prestadora do servizo e os seus traballadores”.
Contido relacionado

La Voz de Galicia: "El contrato de los comedores escolares en Ames queda desierto"
El Correo Gallego: "Ames sacará de novo a licitación o servizo de comedores escolares"




