Pestanas principais

O Concello de Ames formou a 559 persoas a través do programa Ames Emprega e Integra

Sábado, 07 de outubro de 2023

O Concello de Ames está inmerso no desenvolvemento das actuacións recollidas na EDUSI Impulsa Ames como é o programa Ames Emprega e Integra, unha iniciativa do departamento de Promoción Económica e Emprego do Concello de Ames, que está dirixido a colectivos desfavorecidos do municipio. Dito programa está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). De xullo a novembro estanse impartindo un total de 13 cursos de formación transversal, pensados para incrementar o índice de inserción laboral e social no municipio. Na actualidade, estanse impartindo dous cursos; un de deseño e montaxe de instalacións fotovoltaicas e térmicas; e outro de empregados/as domésticos. Queda por impartir un curso de comercial (especialización na factura de enerxía), que comezará o 2 de novembro. Premendo nesta ligazón podes ver un vídeo sobre o programa Ames Emprega e Integra.

O Concello de Ames puxo en marcha a comezos do pasado mes de xuño un programa de inserción laboral que responde ás actuais demandas sociais de dar cobertura a unha oferta formativa que incremente o índice de inserción laboral e social no municipio, como requisito imprescindible para poder fixar poboación no mesmo, axustándose aos intereses e necesidades dos colectivos ao que se dirixe e fomentando a cohesión social, a loita efectiva contra a discriminación e a erradicación da pobreza.

Trátase do programa Ames Emprega e Integra, que está dirixido a colectivos desfavorecidos do concello de Ames. Un dos ámbitos prioritarios de intervención do Concello de Ames é poñer en marcha actuacións en materia de prevención, detección e intervención da exclusión social. O programa combina cursos de formación sectorial con outras xornadas e obradoiros formativos que son máis curtos no tempo. Tamén se ofrece teleformación e sesións de orientación e intermediación laboral.

O alcalde, Blas García, e maila concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, fixeron unha visita ao alumando que participa nos cursos de formación sectorial de dito programa. Estiveron acompañados polos técnicos municipais de inserción laboral, Pablo Bello e María Lloves, así como persoal da empresa Rafer SL que é a encargada de xestionar dito programa.   

A concelleira de Promoción Económica e Emprendemento, Ana Belén Paz, puxo en valor esta iniciativa afirmando que “este é un programa clave para loitar contra o desemprego no concello. Un dos ámbitos prioritarios de intervención do Concello de Ames é poñer en marcha actuacións en materia de prevención, detección e intervención da exclusión social. Fixar poboación no concello é vital para cubrir as necesidades existentes, á vez que se lle brinda a primeira oportunidade laboral á mocidade ou a oportunidade de reinserción a persoas en idades complicadas para á hora de reincorporarse ao mercado laboral”.

Participación no programa e cursos formativos
Deste xeito, ata o de agora o número total de participantes ascende a 559 persoas, dos cales 97 son participantes en cursos de formación transversal, 93 persoas participaron na formación sectorial e houbo 62 usuarios participantes nos cursos de teleformación. Ademais, houbo sesións de orientación e intermediación laboral dende o momento da selección para cada participante

Ata o de agora impartíronse dez cursos de formación sectorial que son os seguintes: nivel medio de prevención de riscos laborais; prevención de riscos laborais para traballos de albanelería; servizo en restaurantes e bares; auxiliar de cociña; manipulador/a de alimentos; formación básica limpezas xerais; recepción e atención ao cliente en aloxamentos; camareiro/a de pisos; operacións auxiliares de almacén (inclúe carretilla); e dependente/a de comercio (caixa, reposición e atención ao cliente).

Ademais, realizáronse prácticas non laborais vinculadas aos cursos impartidos dos sectores da hostalería, de limpeza, e de aloxamentos.

Cursos que se están impartindo
Esta semana comezaron dous novos cursos que se están impartindo na actualidade. O curso de empregados/as domésticos comezou o luns 2 e realizarase ata o 18 de outubro, en horario de 9:00 a 14:00 horas. Impartiranse 60 horas de formación no Centro de Formación e Emprego de Aldea Nova.

Por outra banda, estase impartindo o curso de deseño e montaxe de instalacións fotovoltaicas e térmicas, que comezou o día 3 e impartirase ata o 10 de novembro, en horario de 9:10 a 14:40 horas. Neste caso, impártense 140 horas de formación presencial e 60 horas de prácticas no Centro de Formación e Emprego de Aldea Nova.

Inscrición abertas para o curso de comercial
O último curso que se impartirá será o de comercial (especialización na factura de enerxía) do 2 ao 14 de novembro, en horario de 9.00 a 14.00 horas, e que se vai a realizar nas instalacións de FORGA, no Milladoiro.

Para participar neste curso é preciso ter a demanda de emprego de alta e residir en Ames. Pódese atopar máis información na páxina web de Ames Emprega e Integra. As inscricións pódense facer chamando ao número de teléfono 674 59 48 43 (de 8:15 a 15:00 horas) ou cubrindo este formulario.

Cal é o obxectivo do programa?
O obxectivo de dita iniciativa é a inserción laboral das persoas participantes ou a mellora da sua empregabilidade. Lévase a cabo mediante a execución dun programa de inserción laboral derivado dun estudio realizado previamente que determinou os colectivos desfavorecidos e as súas demandas específicas de formación, acompañamento e practica laboral.

O programa está dirixido prioritariamente a persoas mozas (menores de 30 anos), con particular atención a aqueles con déficit de formación, mulleres, parados de longa duración, maiores de 45 anos, persoas con responsabilidades familiares non compartidas, persoas con discapacidade, persoas en situación de exclusión social e persoas inmigrantes. Para participar é necesario residir no concello de Ames, ser demandante de emprego e estar nunha situación de busca activa de emprego.

O programa ten como ámbito territorial a totalidade do concello de Ames, priorizando os núcleos poboacionais do Milladoiro e de Bertamiráns como eixos presenciais do programa. As actividades do programa comezaron coa captación de participantes ao longo do mes de maio e desenvolverase ata novembro deste ano.

Dotación de competencias profesionais
A estratexia proposta co programa de inserción laboral de colectivos desfavorecidos no concello de Ames pon o foco de atención na necesidade de dotar ás persoas, especialmente poboación feminina e inmigrante, mocidade sen cualificación, e parados de longa duración en situación de desemprego, en procura de primeiro emprego ou en procesos de mellora de emprego, das competencias transversais/horizontais e competencias profesionais necesarias para poder consolidarse no mercado laboral, atendendo ás competencias en materia de tecnoloxías da información e comunicación.

Esta actuación está cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) cunha taxa de cofinanciamento do 80% dentro do Programa Operativo FEDER de Crecemento Sostible 2014/2020, enmarcado dentro da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Impulsa Ames, de conformidade coa Resolución do 21 de xullo de 2017, da Secretaria de Estado de Orzamentos e Gastos, pola que se resolve a concesión definitiva de axudas da segunda convocatoria para a selección de estratexias de desenvolvemento urbano sostible e integrado.

Imaxe da visita feita ao alumnado do programa Ames Emprega e Integra

Multimedia

  • Imaxe da visita feita ao alumnado do programa Ames Emprega e Integra
  • Imaxe da visita feita ao alumnado do programa Ames Emprega e Integra
  • Aumnado do programa Ames Emprega e Integra
  • Aumnado do programa Ames Emprega e Integra
  • Difusión no programa integrado
  • Aumnado do programa Ames Emprega e Integra
  • Aumnado do programa Ames Emprega e Integra
  • Cartaz curso comercial
  • Embedded thumbnail for