[27-07-2012] O alcalde de Ames, Santiago Amor, formalizou esta mañá con representantes da entidade bancaria Banesto unha operación de crédito de 70.212,16 euros, correspondente á segunda fase do sistema de pago a provedores articulado a través do Real decreto lei 4/12. Esta operación permitirá abonar 75 facturas de empresas provedoras do Concello que, incluídas na relación inicial, non comunicaron a súa vontade de participar no procedemento ata esta segunda fase. A participación nesta fase permitirá que os provedores vexan abonadas as súas facturas nos próximos días.
Con esta operación, ao igual que coa primeira, o Concello comprométese a devolver o importe nun prazo de dez anos, con dous de carencia, o que implica que nos dous primeiros exercicios só se abonarán os intereses.
Esta ampliación do pago a provedores aprobouse na sesión plenaria celebrada onte, na que se acordou levar a cabo esta operación, o que supón unha nova inxección de liquidez para pequenos e medianos empresarios do municipio. Na primeira fase do procedemento, formalizouse unha operación de crédito de 1.520.656,53 euros, que permitiu abonar 577 facturas.
O Concello de Ames destaca que o abono das facturas suporá un alivio para os provedores e que, ante a complicada situación económica actual, a súa intención é seguir traballando para mellorar a situación de pagos a provedores.




