Pestanas principais

O Concello de Ames formaliza a cesión das hortas urbanas do Milladoiro cos 51 adxudicatarios/as deste servizo municipal

Venres, 28 de marzo de 2014

[28-03-2014] Este xoves pola tarde realizouse a sinatura da cesión das hortas urbanas solidarias e sostibles do Milladoiro por parte do Concello e dos adxudicatarios/as. Ademais, dóuselles aos usuarios/as unha pequena explicación sobre o proxecto das hortas urbanas e sobre o curso formativo que realizarán nas vindeiras semanas. O Concello de Ames puxo a disposición da veciñanza do Milladoiro un total de 51 parcelas, que están situadas nunha finca que se atopa entre a rúa do Seixo e a rúa do Francés e conta cunha superficie de 2.017 metros cadrados. As parcelas adxudícanse por prazo dun ano prorrogable por outros doce meses. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter a ordenanza das hortas urbanas.

A aula de usos múltiples da Casa da Cultura do Milladoiro acolleu onte pola tarde o acto de sinatura da cesión das hortas urbanas sostibles e solidarias, que o Concello de Ames puxo a disposición da veciñanza do Milladoiro. Este trámite desenvolveuse despois de que a semana pasada se realizase o sorteo para determinar que parcela lle correspondente a cada usuario/a. Durante o prazo de solicitude contabilizáronse un total de 51 peticións, xusto as mesmas que parcelas hai dispoñibles no Milladoiro.

As 51 parcelas que ofertou o Concello de Ames dentro da iniciativa das hortas urbanas do Milladoiro están situados nunha finca que se atopa entre a rúa do Seixo e a rúa do Francés e conta cunha superficie de 2.017 metros cadrados. A cesión das parcelas é gratuíta e adxudícanse por un prazo dun ano prorrogable por outros doce meses. Cómpre lembrar que o acondicionamento desta parcela foi posible grazas a unha axuda do Fondo de Compensación Ambiental concedida pola Consellería de Presidencia da Xunta de Galicia.

Mediante a sinatura da acta de autorización do uso das parcelas, os usuarios/as comprométense a cultivar dita horta de forma sostible durante un ano, prorrogable por doce meses máis, baixo a supervisión do Concello de Ames. Este uso está condicionado ao cumprimento da ordenanza municipal reguladora do uso das hortas sostibles e solidarias municipais.

Xunto á acta de autorización do uso, os 51 usuarios/as das hortas urbanas de Bertamiráns asinaron o inventario de materiais de uso común para a súa utilización nas hortas. Tamén recibiron a chave de acceso á finca das hortas urbanas e á caseta onde se gardan os utensilios de labranza. Trátase dunha ampla relación de materiais que estarán á disposición dos usuarios/as, entre os que se atopan azadas grandes e pequenas, palas, rastrillos, capachos, regadeiras, sachos, carretillas ou escobóns. O perfil das persoas adxudicatarias é de xente concienciada co medio ambiente, coa agricultura sostible e interesada en realizar os seus propios cultivos.

Prácticas sostibles nas hortas urbanas
Coa posta a disposición dos espazos hortícolas preténdese que a poboación adopte unha actitude activa na ocupación do seu tempo libre e de ocio. Trátase de facilitar a intervención de cidadáns no desenvolvemento sostible, facilitar a relación de coexistencia xeracional entre os veciños/as, e así mesmo, unha contribución ás economías familiares que se vén favorecidas polos cultivos de autoconsumo.

A concelleira de Medio Ambiente, María Eugenia Martín, explicou que “as persoas adxudicatarias das hortas urbanas tamén deberán asistir a un curso de formación sobre prácticas sostibles nas hortas urbanas que será impartido polo Concello durante as vindeiras semanas e, ademais, farase un seguimento destas hortas, creando unha comisión de seguimento”.

Por último, a concelleira de Medio Ambiente lembra o éxito que esta iniciativa alcanzou en Bertamiráns, onde se puxeron a disposición 34 terreos e se rexistraron máis demandantes que parcelas. Os usuarios/as de Bertamiráns xa asistiron ao curso de formación e xa plantaron os seus primeiros cultivos nas súas parcelas.