Pestanas principais

O Concello de Ames formaliza a cesión das hortas urbanas de Bertamiráns a 34 usuarios/as, que comezarán esta semana o curso de formación

Mércores, 13 de novembro de 2013

[13-11-2013] Na xornada de onte, o Concello de Ames asinou as actas de cesión por un ano das 34 hortas urbanas postas en marcha en Bertamiráns. Os usuarios/as de ditas hortas puideron visitalas acompañados da concelleira de Medio Ambiente, María Eugenia Martín, e de técnicos municipais, que lles explicaron as características das hortas, a ubicación de cada unha delas e os pasos a seguir nas vindeiras semanas. En total, puxéronse a disposición nesta convocatoria 34 parcelas cunha superficie media de 35 metros cadrados que están ubicadas no parque municipal do rego do Ameneiral. As parcelas adxudícanse por prazo dun ano prorrogable por outros doce meses.


Sorteo público
As hortas urbanas de Bertamiráns foron outorgadas por sorteo público celebrado na Casa do Concello o pasado 25 de outubro. En total, presentáronse 41 solicitudes para acceder a estas parcelas. Delas, 37 foron na modalidade de acceso libre, 2 na de emerxencia social e 2 na de maiores de 65 anos.

O Concello de Ames, a través da Concellería de Medio Ambiente, levará a iniciativa de hortas urbanas ao núcleo do Milladoiro. Actualmente, estase acondicionando unha parcela para poñer a disposición dos veciños e veciñas do Milladoiro esta iniciativa que xa está en marcha en Bertamiráns.

Tras a visita ás hortas urbanas, os 34 usuarios/as achegáronse ata a Casa do Concello para asinar as actas de cesión dos terreos e para empezar a determinar o calendario que seguirá o curso de formación que recibirán. Neste encontro, a concelleira de Medio Ambiente agradeceulles “o seu interese e ilusión por participar nesta iniciativa”, da que asegurou estar segura que “será todo un éxito, dada a súa boa acollida por parte dos veciños de Ames”. María Eugenia Martín explicou que a ordenanza reguladora dos hortos urbanos “responde basicamente ás normas da boa convivencia e respecto” e que un dos obxectivos desta iniciativa sostible “é facer das hortas urbanas unha nova zona de esparcemento en Bertamiráns”.

A concelleira de Medio Ambiente explicou, ademais, que “as persoas adxudicatarias das hortas deberán asistir ao curso de formación sobre prácticas sostibles nas hortas urbanas que será impartido polo Concello a partir desta semana e, ademais, seguirán o manual de boas prácticas de agricultura sostible que lles será facilitado”. Haberá préstamo de utensilios e ferramentas por parte do Concello de Ames e levarase a cabo un seguimento destas hortas, creando unha comisión de seguimento.

Mediante a sinatura da acta de autorización do uso das parcelas, os usuarios/as comprométense a cultivar dita horta de forma sostible durante un ano, prorrogable por doce meses máis, baixo a supervisión do Concello de Ames. Este uso está condicionado ao cumprimento da ordenanza municipal reguladora do uso das hortas sostibles e solidarias municipais. Xunto á acta de autorización do uso, os 34 usuarios/as das hortas urbanas de Bertamiráns asinaron o inventario de materiais de uso común para a súa utilización nas hortas. Trátase dunha ampla relación de materiais que estarán á disposición dos usuarios/as, entre os que se atopan azadas grandes e pequenas, palas, rastrillos, capachos, regadeiras, sachos, carretillas ou escobóns. O perfil das persoas adxudicatarias é de xente concienciada co medio ambiente, coa agricultura sostible e interesada en realizar os seus propios cultivos.

Coa posta a disposición dos espazos hortícolas preténdese que a poboación adopte unha actitude activa na ocupación do seu tempo libre e de ocio. Trátase de facilitar a intervención de cidadáns no desenvolvemento sostible, facilitar a relación de coexistencia xeracional entre os veciños/as, e así mesmo, unha contribución ás economías familiares que se vén favorecidas polos cultivos de autoconsumo.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Los 34 usuarios de las huertas urbanas de Ames firman un contrato de cesión anual"
El Correo Gallego: "Ames formaliza a cesión das hortas urbanas de Bertamiráns a 34 usuarios/as, que comezarán esta semana o curso de formación"